Hoxe a ministra de Fomento, Ana Pastor, presentou no centro de
conservación de A Cañiza (Pontevedra) a campaña de vialidade invernal 2015-2016
da Rede de Estradas do Estado e das autoestradas de peaxe.
O investimento previsto nesta campaña mantense respecto da de anos
anteriores, e o seu orzamento estimado é de 65,1 millóns de euros. A capacidade
das instalacións de almacenamento de fundentes é superior á de anos anteriores,
situándose os silos e almacéns de fundentes en puntos estratéxicos, de forma
que poidan conseguirse niveis de servizo adecuados. En concreto, o Ministerio
de Fomento dispón na Rede de Estradas do Estado de 1.334 máquinas quitaneves e
240.877 toneladas de fundentes, principalmente sal, distribuídas en 354
almacéns e 520 silos.
Todos os tramos de estradas da Rede do Estado teñen asignado un Nivel de
Servizo, sendo prioritaria a atención a aquelas vías con maior Intensidade de
tráfico (IMD), así como as autoestradas e autovías que comunican as capitais de
provincia e as poboacións de máis de 20.000 habitantes.
Con esta campaña trátase de garantir, na medida do posible, o tránsito
seguro nas estradas do Estado ante situacións de xeada e nevada. Os principais
obxectivos son a prevención da formación de placas de xeo sobre as calzadas
cando se esperen xeadas; a información aos usuarios das estradas de calquera
incidencia coa antelación suficiente; e a minimización das perturbacións ao
tránsito como consecuencia das nevadas.
Un adecuado tratamento da vialidade invernal está condicionado por unha
predición meteorolóxica certeira e coñecida con suficiente antelación (o que
non sempre é posible) e polas condicións en que se produza a nevada
(intensidade de tráfico, horas punta, accesos ás grandes cidades).
Por iso, unha das mellores medidas a adoptar está en mans dos cidadáns:
que estes atendan ás recomendacións que se fagan desde as autoridades ante
situacións meteorolóxicas adversas.
Así mesmo, para facilitar e facer máis operativo o establecemento de restricións
á circulación de vehículos pesados, a Rede de Estradas do Estado conta con 36
aparcadoiros de emerxencia situados estratexicamente. Neles, poderán estacionar
de maneira ordenada aqueles vehículos que teñan restrinxida a súa circulación
temporalmente en situacións de nevada.
A campaña de vialidade invernal articúlase a través do “Protocolo para a Coordinación
de actuacións dos órganos da Administración Xeral do Estado ante nevadas e
outras situacións meteorolóxicas extremas que poidan afectar á rede de estradas
do Estado”, do 27 de marzo de 2009.
Os obxectivos son fortalecer a coordinación entre os órganos da
Administración Xeral do Estado entre sí, así como coas Comunidades Autónomas e
as autoridades locais; establecer mecanismos de alerta e resposta máis eficaces
e eficientes ante emerxencias; definir claramente as responsabilidades dos
diferentes involucrados; e establecer os criterios para ter en conta na
elaboración dos protocolos territoriais, todo iso facendo especial énfase nas
condicións singulares dos accesos ás grandes cidades.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta