Quero salientar nesta entrada a
información facilitada onte polo director xeral do Instituto
Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, na súa intervención na Comisión
2ª do Parlamento de Galicia, sobre a actividade da Xunta de Galicia que implantou dende o ano 2012 un total de 10
medidas destinadas a evitar e paliar os desafiuzamentos hipotecarios ou por
impago do alugueiro.
As medidas enumeradas polo responsable do IGVS
son as seguintes:
1. Lei 8/2012, de 29 de xuño, de Vivenda de Galicia, que estableceu
medidas para evitar os desafiuzamentos nas vivendas de promoción publica e
permitir a dación en pago nas vivendas protexidas.
2. Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias, aprobado polo
Consello da Xunta o 5 de decembro de 2012 e que segue en vigor. Ten por
finalidade dar cobertura a todas as persoas que perdan a súa única vivenda nun
procedemento de execución hipotecaria, soliciten a inclusión no programa e
teñan uns ingresos ponderados inferiores a 2,5 veces o IPREM.
3. Convenio entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta de Galicia e a
FEGAMP, asinado o 8 de abril de 2013, co obxecto de establecer un protocolo de
actuación conxunta para detectar os casos de especial vulnerabilidade en
procedementos de lanzamento de vivenda familiar e adoptar medidas de carácter
social e de realoxo que evite os efectos da perda de vivenda.
4. Programa Reconduce, posto en marcha o 3 de outubro de 2013, cun enfoque
preventivo e coa finalidade de crear un marco de coordinación dos servizos das
diferentes consellerías que se poñen a disposición para dar apoio ás persoas e
familias en risco ou situación de desafiuzamento.
5. Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á
vivenda 2015-2020, aprobado polo Consello da Xunta o 12 de febreiro de 2015,
que pretende facilitar o acceso á vivenda ás familias que máis o necesitan e
que inclúe unha serie de medidas tendentes a reforzar o Programa de Realoxo de
Afectados por Execucións Hipotecarias.
6. Convenio coa Sareb, asinado no marco do Plan RehaVIta o 17 d marzo de 2015,
co obxecto de que o IGVS poda dispoñer de vivendas desta sociedade con destino
a aluguer social para as persoas con maiores dificultades e de forma especial
para os afectados por execucións hipotecarias.
7. Convenios de colaboración con varias entidades financeiras coa finalidade de
solucionar as necesidades residenciais de persoas afectadas por execucións
hipotecarias. Os convenios asináronse con Abanca o 6 de xullo de 2015, Caixa
Rural Galega o 7 de xullo, e Banco de Sabadell en setembro de 2015, e
previsiblemente se adherirán máis entidades.
As entidades comprométense a non desaloxar vivendas sometidas a execución
hipotecaria, permitindo aos afectados continuar nas mesmas en réxime de aluguer
social e, por outra parte, ceden vivendas baleiras da súa propiedade para
aluguer social.
8. Convenio co Valedor do Pobo para canalizar as posibles situacións de
especial necesidade de vivenda de tal xeito que puideran ser avaliadas e, no
seu caso, atendidas de forma inmediata polo IGVS.
9. Bono de Aluguer Social, aprobado polo Consello da Xunta en agosto de 2015,
que facilita apoio urxente, inmediato e puntual a familias que precisen dunha
especial atención pola perda da vivenda habitual en réxime de aluguer ante a
imposibilidade de facer fronte ao pagamento da renda.
O Bono de Aluguer Social consiste nunha axuda de 150 euros mensuais durante
doce meses, prorrogables por outros doce. E ademais, disporán tamén dunha axuda
única de 450 euros para facer fronte a pagos atrasados ou aos gastos de
formalización dun novo contrato.
10. Censo de Vivendas Baleiras, que se implantará en 2016 e permitirá coñecer a
situación real das vivendas baleiras en Galicia, propiedade de entidades
financeiras e da SAREB, co obxecto de poder deseñar as oportunas políticas
públicas orientadas á ocupación das mesmas.
O director xeral do IGVS indicou
que a Xunta de Galicia dispón actualmente dun paquete de medidas que permite
atender as situacións de necesidade das persoas afectadas pola perda da súa
vivenda pola imposibilidade de pagamento da mesma.
E hoxe mesmo coñecemos que A Xunta
e a Rede Galega Contra a Pobreza acordan colaborar para garantir que as medidas
antidesafiuzamentos cheguen ás familias con dificultades. A conselleira de
Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director xeral do Instituto
Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, informou hoxe aos representantes
desta entidade sobre as distintas iniciativas ás que poden acollerse as persoas
en risco de perder o seu fogar.
Este
encontro enmárcase na rolda de contactos que a Xunta está a ter con distintos
axentes políticos, económicos e sociais co obxectivo de explicar as medidas
para atender as persoas con maiores dificultades para acceder a un fogar e
garantir o dereito constitucional a unha vivenda digna. Neste sentido, Vázquez
destacou a importancia de que a información destas solucións chegue ás familias
que as necesitan.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta