Esta mañá coñecemos que o
Tribunal Xeral da UE fallou en contra da Comisión Europea e a favor dos
recursos que foron presentados polo Reino de España, por PYMAR - a sociedade
que agrupa aos principais estaleiros privados españois- e LICO.
A sentenza anula a decisión da
Comisión Europea do 17 de xullo de 2013, que foi o resultado dun procedemento
iniciado en xuño de 2011 e que afectaba a 273 transaccións por un valor total
de 8.727.997.332 euros, o cal culminou considerando axuda de estado incompatible
co mercado interior ao antigo sistema de “tax lease” aplicado en España entre
os anos 2007 e 2011.
O Tribunal determina que o
denominado sistema español de arrendamento fiscal non constituía axuda de
estado, tal e como defenderon o Reino de España e PYMAR desde un primeiro
momento. Concretamente, o Tribunal considera que este sistema non ten carácter
selectivo, xa que todos os contribuíntes en España que desenvolvesen unha
actividade económica e investisen neste tipo de operacións podían resultar
beneficiarios do sistema.
Como consecuencia desta sentenza,
quedará anulada igualmente a orde de recuperación das supostas axudas
concedidas a través do referido sistema, proceso que o Ministerio de Facenda e
Administración Públicas xa iniciara por petición dos servizos de competencia da
Comisión Europea. A sentenza condena así mesmo en costas á CE.
A apertura do expediente de
investigación produciuse nun duro contexto de crise económica, baixo o mandato
do entón Comisario de Competencia e Vicepresidente da Comisión Europea, Joaquín
Almunia. Supuxo a inmediata paralización de pedidos de novas construcións en
España e levou unha drástica freada na actividade para todo o sector, cuns
efectos devastadores para a industria naval.
A competencia dos estaleiros privados
españois, fundamentalmente os estaleiros holandeses, artífices e asinantes das
denuncias que provocaron o inicio do procedemento de investigación por parte da
Comisión, viron incrementarse vertiginosamente a súa carteira de pedidos,
alcanzando un nivel de contratación sen precedentes que en 2013 foi un 80%
superior ao de 2010. Este transvasamento de pedidos que se produciu desde
España a Holanda, materializouse especialmente na carteira de buques offshore.
Segundo información publicada por Clarksons, España pasou de contar con 27
unidades en carteira en 2010 a tan só 8 en 2014, mentres que Holanda disparou a
súa carteira entre eses mesmo anos, de 7 en 2010 a 55 en 2014.
Quero expresar a miña enorme
satisfacción con esta sentenza que vén darnos a razón nunha cuestión que
defendemos con moita forza desde Galicia.
Lembrar que o 2 de xullo de 2013 os deputados do PP de Galicia no Congreso promovimos a redacción dunha
Proposición non de Lei, que finalmente foi subscrita por todos os grupos
parlamentarios e que foi aprobada por unanimidade na Comisión de Industria do
Congreso convocada para o día 16 de xullo. Debate no que polo PP interveu a miña compañeira deputada Tristana Moraleja.
Naquela
comparecencia conxunta que fixemos o citado 2 de xullo os representantes dos
Grupos Parlamentarios, destaquei que a intención desa PNL non era outra que se
visualizizase o forte respaldo do Congreso ao Goberno de España no seu labor de
oposición á decisión de ter que devolver as axudas. "Hoxe sumamos, desde o
Congreso, esta forte petición conxunta de todos. Están afectados 87.000
empregos, fundamentalmente no País Vasco, Galicia, e Asturias, pero tamén a
Cantabria, Baleares e Canarias, e por iso nós pedimos encarecidamente que se
tome unha decisión que sexa correcta e que non se mande ao paro a 87.000
persoas que non o merecen", dixen.
Comparecencia conxunta 2.7.2013 |
Insistín en que existía risco de que se perderan miles de empregos no sector
naval e cualifiquei a proposta do comisario Almunia de "inxustificada",
xa que, "os nosos estaleiros, os nosos armadores, os nosos financiadores
actuaron ao amparo dun sistema que entendiamos e entendemos hoxe que se
axustaba á normativa legal vixente", e asegurei que "debe prevalecer
o principio de seguridade xurídica e de confianza, polo que entendemos que
estamos aínda a tempo de que a Comisión recapacite e reconsidere".
Lamentablemente atopamos a incomprensión do comisario Almunia o que implicou a imposibilidade
de empregar, durante dous anos e medio, este sistema de bonificación, coa
conseguinte perda de competitividade.
Agora, máis de dous
anos despois a sentencia do Tribunal de Xustiza da
Unión Europea, que anula a decisión de Bruxelas de declarar ilegal o tax lease
español, constata que o sector tiña razón ao tempo que reforza a confianza
internacional nun sistema que xa está plenamente operativo. Agora, a industria
naval atópase nunha situación completamente distinta, contando xa cun novo
sistema para contratar barcos.
Recibirá resposta