martes, 29 de diciembre de 2015

Licitadas as obras de reparación da Ponte do Milenio

Salientar a bona nova de que onte  o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba  a licitación das obras de reparación da Ponte do Milenio, en Ourense, cun investimento de preto de 585.000 euros.

Cómpre lembrar que a semana pasada a Xunta e o Concello de Ourense , representadas pola conselleira de infraestruturas e vivenda Ethel Vázquez e o alcalde Jesús Vázquez, asinaban o convenio de colaboración para acondicionar esta infraestrutura e formalizar a súa entrega á Administración local, o que clarexará definitivamente as dúbidas ao respecto da titularidade da ponte.
As obras a realizar pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) consistirán no selado de fendas, limpeza de corrosión e protección anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto e revestimento dos pilonos cunha pintura acrílica que impida a penetración de auga. Ademais, executarase a impermeabilización completa da cara superior do taboleiro, para eliminar humidades e filtracións ao seu interior, incluso substituíndo a capa de rodadura.
En relación coas accións de conservación, retiraranse a vexetación e liques e canalizarase a auga cara aos sistemas de drenaxe próximos. Tamén se eliminarán as pintadas, aplicando un verniz nas zonas accesibles. Ademais, repararase o sistema de iluminación arranxando e repoñendo todas aquelas luminarias deficientes e farase unha revisión completa do sistema eléctrico.
Estas accións poñerán de novo a punto e devolverán toda a funcionalidade a unha infraestrutura que é estratéxica, desde o punto de vista da mobilidade; cun gran atractivo turístico, por canto ofrece unha visión panorámica da cidade; e emblemática xa que, logo de anos, a ponte tense convertido nun elemento representativo da cidade.
Características da ponte:

A Ponte do Milenio foi executada pola Xunta de Galicia entre os anos 1999 e 2001 (lembro que estiven no acto de inauguración) e, tras máis de 14 anos en servizo non presenta danos estruturais pero cómpre realizar unha serie de actuacións para contribuír ao seu bo mantemento e a unha mellor conservación. A principios de 2015, a AXI contratou unha inspección do estado de conservación da ponte e o informe elaborado recomenda realizar unha serie de actuacións para preservar manter ou recuperar o nivel de servizo dalgunhas das súas partes, de cara a ampliar a vida útil da estrutura.

A Ponte do Milenio sobre o río Miño é unha infraestrutura atirantada de 275 metros de lonxitude que se distribúen en catro vaos. Forma parte dunha estrutura viaria que conecta no seu extremo norte coa estrada nacional N-525 e no seu extremo sur coa rúa Pardo de Cela, de titularidade municipal.
A ponte construíuse entre 1999 e 2001 co obxectivo de pechar ao tráfico rodado a ponte romana de Ourense, que soportaba un volume de tráfico que poñía en perigo a súa conservación. A súa función principal é servir de cruzamento do río Miño para comunicar ambas as marxes da cidade de Ourense, e é unha infraestrutura estratéxica para a cidade.
A singularidade da estrutura radica na pasarela peonil de formas curvas que rodea a parte superior dos pilonos e descende sobre o río Miño uns 6 metros por debaixo da rasante. Este é un grande atractivo turístico por ofrecer unha visión panorámica da cidade de Ourense.
Non podo máis que alegrarme por o avance na realización desta obra que deixará este emblema de Ourense en perfecto estado. 
Unha mostra máis dos beneficios que reporta a colaboración entre as administracións.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta