lunes, 21 de diciembre de 2015

Eleccións Xerais 2015: O Partido Popular de Ourense converteuse na segunda forza política con maior apoio cidadán de España

O Partido Popular de Ourense converteuse na segunda forza política con maior apoio cidadán de España, só superada polo PP de Ávila “e con só un punto de diferenza”, subliñou esta mañá o presidente provincial popular, Manuel Baltar, durante a rolda de prensa na que analizou os resultados electorais obtidos onte e na que atribuíu estes datos á “incrible actividade orgánica do noso partido e á renovación de cargos e candidatos, que achegan ese plus de motivación e ilusión”.

Manuel Baltar quixo destacar en primeiro lugar a elevada participación do domingo, onde sete de cada dez ourensáns (72,26 %) acudiron a votar, “porcentaxe que lexitima dun modo moi importante estes resultados e que supón case tres puntos máis que nas municipais”.

Lembrou que ao comezo da campaña electoral había prognosticado un 45 % de apoio ao PP, “e os resultados din que foi do  44,91 %, oito puntos máis que a media do PP en Galicia e 16 puntos máis que a media en España”. Concretando, dixo, os 85.729 votos recibidos supoñen preto de 5.000 sufraxios máis e un punto máis de apoio.

Manuel Baltar quixo agradecer o traballo e a implicación de todo o equipo popular, “xa que co seu esforzo se nas municipais fomos a forza máis votada en 70 concellos, agora fómolos en 84, é dicir, en nova de cada dez concellos”.

En 55 concellos o PP obtivo máis do 50 % de apoio e en 26 máis do 60 %, liderando esta lista Beariz co 83 %, Avión co 82,5 % e Quintela  de Leirado co  76,3 %.

No capítulo das extrapolacións e desde a perspectiva municipal, se en maio conseguíronse 61 maiorías absolutas e 65 gobernos locais, agora sería 70 as maiorías; na Deputación o PP gañaría un deputado alcanzando os 15, o PSOE quedaría con 6 ao perder dous e entrarían En Marea con 3 e Cidadáns cun. Xa no Parlamento de Galicia, o PP quedaría con 7 dos oito escanos actuais.

Os resultados de onte tradúcense nos dous deputados e tres senadores conseguidos polo PP ourensán, que non alcanzou o terceiro representante no Congreso.

Baltar, que recoñeceu o descenso do PP na provincia nun 11,5 % con respecto a 2011 pero tamén apuntou que en Galicia foi do 15 %  e en España do 16, lembrou que “en todo momento dixemos que o noso obxectivo era alcanzar o terceiro escano no Congreso;  de feito fomos a única organización política que revelou as súas metas”. Era un obxectivo difícil, engadiu, “pero o importante é que en 2019 iremos de novo a por os tres e faremos un maior esforzo se cabe, porque a nosa filosofía é tentar gobernar e non presentarnos a unhas eleccións para evitar que gobernen outros”.

Baltar agradeceu a Rosendo Fernández o seu labor á fronte do comité de campaña do PP, o primeiro en constituirse en España, e anunciou para mañá mesmo unha reunión da xunta directiva, como máximo órgano entre congresos, para analizar os resultados e agradecer o traballo desenvolvido.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta