Hoxe en Madrid, no marco de Fitur, a feira internacional de turismo máis importante de España e líder para os mercados de Iberoamérica, foi presentada a iniciativa turística “Ourense, a provincia termal. Produtos turísticos innovadores”, que ten como obxectivo “poñer en valor os recursos naturais e culturais da provincia de Ourense, estruturando a oferta e os servizos para potenciar a “marca Ourense” e á nosa provincia como referente internacional do termalismo”.
Manuel Baltar afirmou no acto de presentación que en 2016 “Ourense terá un protagonismo innegable con “La Vuelta” e a participación do COB na ACB, ámbalas dúas coa “marca Ourense” vinculada ao termalismo”, e convidou a institucións, touroperadores e público en xeral “a compartir Ourense, nosa atractiva provincia”.
Asegurou que en próximas datas “Ourense seguirá dando noticias de impacto no ámbito cultural e empresarial”, e aproveitou a súa presenza en Fitur para presentar tres produtos turísticos innovadores: o Termalismo deportivo, o Termalismo Social e os Trens Turísticos. “En todos eles –dixo- exercemos a cooperación público-privada co liderado do goberno provincial, que desenvolve a súa visión de provincia plasmada no Plan Ourense 15-19 de xestión e estratexia operativa da Deputación.
No que atinxe a “Termalismo Deportivo” Manuel Baltar destacou que co Centro de adestramento de remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño (CERLAC) “a nosa provincia convértese en capital do mundo do remo, coa presenza continua de seleccións nacionais e outros equipos que preparan en Ourense competicións como campionatos do mundo e mesmo os Xogos Olímpicos de Río”, e citou como exemplo que nestes momentos atópase no CERLAC a selección de Francia.
En canto ao “Termalismo Social”, Baltar dixo que a “Provincia Intelixente” visualízase con este programa “que é pura administración electrónica”, xa que en cuestión de minutos, desde máis de 40 capitais de España, “as persoas interesadas poder resolver a xestión da súa viaxe, estancia e tratamento para gozar das nosas augas e das posibilidades culturais e de ocio e saúde que ofrecen os nosos establecementos balnearios e as súas contornas”.
Finalmente, referíndose ao apartado dos “Trens Turísticos”, Manuel Baltar definiunos como “produto estrela”. “Discorren pola provincia de Ourense catro das sete rutas existentes en Galicia –comentou-, vinculadas ás catro denominacións de orixe vitivinícolas coas que contamos, o que nos converte na provincia da Península Ibérica co maior número delas”.
Recibirá resposta