lunes, 18 de enero de 2016

O Proxecto LIFE Rexenera Limia para compatibilizar as actividades do sector primario co coidado do medio ambiente

Resaltar que hoxe o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), formalizou o Convenio de colaboración entre os socios do proxecto LIFE Rexenera Limia, que foi presentado polo Ministerio ao eixo de Política e Gobernanza ambientais dentro da área temática Auga do programa LIFE+ e aprobado pola Comisión Europea o 30 de abril de 2014 de entre case 1.500 candidaturas.

O acto tivo lugar na Subdelegación do Goberno en Ourense, presidido polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro, coa presenza dos socios no proxecto, que rubricaron o Convenio: o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e os representantes das empresas Coren e Ecolagunas, Emilio Rial e Luís Felipe Fernández, respectivamente.

PROXECTO LIFE REXENERA LIMIA

O proxecto nace co obxectivo de dar solución a unha masa de auga moi modificada pola actividade do sector primario, utilizando para iso técnicas innovadoras que contribúan a cumprir os obxectivos ambientais que establece a Directiva Marco da auga e a normativa de transposición á lexislación española.

Dentro do programa de traballo están incluídas 26 accións, algunhas xa executadas, entre as que destaca o desenvolvemento de solucións alternativas para a xestión dos residuos gandeiros co ánimo de reducir o seu impacto no ambiente, apostando por humidais artificiais intensivos de macrófitos, creando para iso un sistema de lagunaje artificial como proxecto piloto de tratamento de xurros de porcino por medio destes métodos naturais de depuración, co que se determinará a efectividade deste sistema así como a adecuada relación do custo-eficiencia das técnicas aplicadas.

Por outra banda trátase de demostrar que é posible unha mellor xestión ambiental dos terreos agrarios mediante a optimización do uso de fertilizantes de orixe orgánica a través dun sistema de control integrado de condicións edafolóxicas. Isto significa que é posible mellorar os resultados económicos e minimizalos riscos ambientais.

No relacionado coa difusión e concienciación social, avánzase na transmisión de información sobre todo entre o colectivo de gandeiros e outros profesionais do sector a través dun plan de sensibilización e educación ambiental para o fomento das medidas preventivas da contaminación das augas, que continúa e que está a ser moi valorado polas empresas e particulares do sector primario.

O investimento previsto segundo proxecto para a comarca da Limia supera os 2 millóns de euros e a duración do mesmo é de 3 anos (2015-2017).

PRÓXIMAS LICITACIÓNS

A CHMS licitará a finais de xaneiro o proxecto de reconversión das antigas explotacións mineiras de extracción de area na Canle de Antena, co obxectivo de crear un sistema lagunar de charcas como acción demostrativa que potencie a capacidade de depuración natural do curso fluvial e que contribúa á recuperación de espazos húmidos na ZEPA da Limia.

Tamén en breve o Organismo de conca publicará a licitación do proxecto de recuperación do antigo meandro do río Limia para a mellora da capacidade de retención e asimilación de nutrientes presentes na auga. Con esta técnica innovadora, consistente na conexión hidráulica do río coas súas veigas de inundación a través do antigo curso fluvial, conseguirase potenciar o efecto fluvial natural de redución de presenza de nutrientes provocando a recirculación da auga pola antiga canle do rio Limia e recuperando a súa chaira de inundación nos períodos húmidos.

Por outra banda, e dentro do mesmo proxecto de recuperación restableceranse os tipos de hábitats naturais presentes nas veigas do Bidueiral de San Lorenzo, as especies silvestres de flora e fauna autóctonas e as de aves da zona, incluídas na Rede Natura 2000.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta