sábado, 6 de febrero de 2016

Xantar: O efecto arrastre que a gastronomía exerce sobre a imaxe de Galicia

No stand da Ribeira Sacra
Acudo esta mañá a Expourense onde tivo lugar o acto central da  cuarta xornada de Xantar e foron entregados ademáis os Premios  2016 que serven para celebrar a concesión ó salón da internacionalidade por terceiro ano consecutivo. Os gañadores desta edición foron:

- Premio ao Mellor Stand Restaurante: INORDE, pola súa recreación dos Entroidos ourensáns e pola cooperación público-privada que supón o menú “kilómetro cero” que presentan en colaboración con Coren, Grupo Cuevas e Viña Costeira.

- Premio ao Mellor Stand de Alimentación: Consellería de Medio Rural, por facilitar a presenza nesta feira internacional de empresas e pequenos produtores de productos certificados en calidade e por presentar o menú “Experiencias de Calidade” baseado en produtos con D.O. e I.X.P. Tamén por traer ata Expourense a exposición “Leite 100% Galega” e polos showcookigns e actividades que organizaron.

- Premio á Mellor Acción Promocional en materia de turismo. Nesta categoría foron recoñecidas dúas iniciativas. Por un lado a Deputación provincial de A Coruña, por servir de soporte para que tanto os concellos como as empresas puideran presentar os seus productos en Xantar. O outro premio recae una Cámara Municipal de Montalegre, entidade colaboradora fixa de Expourense, que presenta a súa oferta turística en todos os eventos organizados polo recinto feiral deixando ademáis espazo nos seus para promover as feiras ourensás.

- Premio á Mellor Actividade relacionada coa saúde e a nutrición: Aceites Abril que presentou nesta edición a nova colleita de aceite de oliva virxe de “Olivareiras Galegas” e organizou unha serie de showcookings nos que demostrou usos novidosos dseste produto empregado, por exemplo, para marinar e macerar froitas frescas.

Tamén foron entregados os premios do VI Concurso de Carteis das Festas Gastronómicas de España e Portugal, gañado pola Festa do Percebe de Roncudo de Ponteceso.

Estas foron as principais actividades deste sábado de Xantar no que se rexistrou á hora de comer un cheo practicamente total en todos os restaurantes.

Durante a xornada de hoxe continuaron os showcookings e catas comentadas e entre as que destacaron as actividades vencelladas coas conservas, a lamprea e o Mexillón de Galicia. A animación de hoxe correu a cargo de grupos folclóricos das cámaras municipais de Esposende e Viana do Castelo e do Folión de Entroido de A Veiga.

No stand de Mondoñedo
Tiven a oportunidade de visitar os  170 expositores que presentan as últimas novidades en produtos autóctonos, de calidade, certificados e ecolóxicos onde destacan curiosidades como o productos elaborados a base de castaña, queixos de chourizo, reconfortantes “caldo de galiña vella”, xeados sen ingredientes artificiais elaborados con leite ecolóxica e mesmo ata empanada de tortilla que foi presentada esta mañá polo Concello de Mondoñedo. 

Salientar que Portugal volveu ser un día máis o protagonista en Xantar coa celebración do día adcado ás cámaras municipais de Viana do Castelo, Esposende e Felgueiras que compartiron protagonismo cos concello de Mondoñedo e de A Veiga e coa Fundación Amigos de Galicia. 

Nesta visita o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou o efecto arrastre que a gastronomía galega exerce sobre a imaxe de Galicia, o turismo e a industria agroalimentaria.

Neste sentido,  indicou que a de Xantar é a única Feira gastronómica co selo Feira Comercial Internacional. Deste xeito, explicou, o salón contribúe a poñer en valor “a calidade dos nosos profesionais, os beneficios da Dieta Atlántica, as posibilidades culinarias e nutricionais que achegan os produtos galegos agrarios e do mar, e o atractivo turístico de Galicia”.

Un atractivo turístico, proseguiu Conde, co que Galicia aspira a superar este ano os 5 millóns de visitantes, contribuíndo, ao mesmo tempo, ao crecemento económico da comunidade, e impulsando o sector agroalimentario e as súas exportacións. 

Un sector agroalimentario que, dixo o conselleiro, en Galicia está moi vinculado ao cooperativismo, “reflectindo as enormes posibilidades da economía social no crecemento económico de Galicia, especialmente no rural”; e que conta así mesmo, co valor engadido das 55 empresas e máis de 350 produtos certificados pola marca Galicia Calidade.

Neste contexto, o titular de Economía, Emprego e Industria salientou o importante papel que Expourense xoga na celebración de Xantar, contribuíndo á dinamización económica da provincia, funcionando como unha ferramenta clave para a cooperación, conseguindo involucrar os diferentes axentes económicos e sociais na súa actividade, e configurándose como un núcleo fundamental para o emprego da comarca.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta