miércoles, 3 de febrero de 2016

Na inauguración do salón gastronómico Xantar

Acudo esta mañá a Expourense ao acto inaugural da 17 edición do salón gastronómico Xantar, que foi presidido por Alberto Núñez Feijóo e outras autoridades como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez,  o presidente da Deputación Provincial de Ourense,  o delegado de Goberno, Santiago Villanueva; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices, Sergio Perea, e o director de Turismo do Estado de Morelos (México)

O citado  Estado representa a México como país convidado en Xantar 2016 e participará en todas as actividades do salón, cunha ampla delegación de empresarios da hostalería e a gastronomía.

Na súa intervención Núñez Feijóo, avanzou a presentación neste mes de febreiro do Smart Camiño, unha iniciativa integrada no Smart Turismo e encamiñada a dotar a ruta xacobea coas novas tecnoloxías.

E avogou por seguir apostando pola calidade e a diversificación para consolidar a marca Galicia como destino único e chegar aos 5 millóns de visitantes este ano.

Así mesmo, referiuse á gastronomía como un dos elos da cadea que permite que Galicia sexa un destino turístico en voga que se afianza ano a ano, como avalan as cifras acadadas no 2015.
Sobre este aspecto, o titular do Goberno galego afirmou que o pasado ano se superou por primeira vez –nun ano non santo- a barreira dos catro millóns de visitantes -4,5 millóns de viaxeiros-; “cun 12% máis de visitantes que no período anterior”.
Logo de precisar que os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloran tamén en relación ao pasado ano en preto de tres puntos porcentuais, Feijóo salientou que a Comunidade galega superou o millón de turistas estranxeiros -1,2 millóns-, preto dun 20% máis que no ano anterior; e, no tocante ao turismo nacional acadou os 3,3 millóns de viaxeiros e algo máis de 3,9 millóns de pernoitas.
“O obxectivo é, no ano 2016, chegar aos 5 millóns de turistas”, incidiu, logo de resaltar o compromiso do Goberno galego para consolidar a marca Galicia como destino único.

“Fixemos unha aposta decidida pola calidade e a diversificación e somos a primeira comunidade autónoma con establecementos Q –en hoteis e restaurantes- e a primeira comunidade autónoma en bandeiras azuis”, precisou.

Así mesmo, Feijóo concluíu a súa intervención afirmando que escaparates como Xantar contribúen tamén á promoción da marca Galicia e poñen de manifesto o gran momento que vive a gastronomía galega, como tamén o testemuñan as trece estrelas Michelin que distinguen trece establecementos da nosa Comunidade ou os 37 soles Repsol que acumulan 25 restaurantes galegos.
O presidente da Xunta destacou tamén a cociña de autor, que ten oco nos máis de 66 establecementos de restauración que, situados ao longo do noso territorio, teñen acreditado a súa excelencia culinaria, contando co selo Q de calidade que así o certifica; e as máis de 300 festas gastronómicas, das cales cinco contan coa distinción de festa de interese nacional.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta