domingo, 20 de marzo de 2016

Puy: “Hai partido, hai que xogalo e temos que ser capaces de convencer ás persoas que apoiaron ao PP de seguir facéndo neste novo proceso electoral autonómico”

Saliento hoxe algunhas das declaracións do portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, nunha entrevista na Cadena Ser nas que asegurou que no Partido Popular de Galicia existe “unha expectativa razoable de conseguir unha maioría suficiente para gobernar” nas vindeiras eleccións autonómicas. “Hai partido, hai que xogalo e temos que ser capaces de convencer ás persoas que apoiaron ao PP de seguir facéndo neste novo proceso electoral autonómico”, indicou. 

Respecto da candidatura de Feijóo, Puy manifestou que hai “unha opinión maioritaria dentro do PP que estima que sería o mellor candidato e un activo que debemos aproveitar de cara ás eleccións autonómicas”. Pedro Puy considerou “lóxico que os candidatos que teñen éxito electoral constitúan un dos principais activos dun partido político e entendemos que esa idea é compartida pola sociedade e os indicios demoscópicos, que tamén avalan esa posición”. “Feijóo é unha persoa ben valorada e a xente valora a súa dedicación á fronte da Xunta”, indicou o portavoz popular, quen tamén apuntou a existencia dunha “opinión maioritaria dentro do partido que estima que sería o mellor candidato, o que non quere dicir que esteamos a falar dun partido que ten ministros, 41 deputados e a metade dos alcaldes de Galicia, é dicir, moitas persoas con experiencia e capacidade de xestión”.

 Con respecto á posible candidatura de Feijóo, Puy amosouse “optimista” porque “o Presidente vai tomar unha decisión responsable e na que terá en conta a opinión dos compañeiros do partido”. “Ten demostrado que escoita, atende a razóns e ten un compromiso co país, con Galicia e coa xestión que está facendo na Xunta”, apuntou. Pedro Puy manifestou que, “despois de terse producido a renovación nos órganos provinciais, o partido ten que formularse cal é a súa mellor opción para as autonómicas” e sinalou que as declaracións de Feijóo “non se poden interpretar como falta de ganas de seguir, senón como un plantexamento leal cos compañeiros do partido aos que se lles dixo que con dúas lexislaturas era suficiente, pero que lle están a dicir que debe repetir, polo que pide que a xente o pense e en función diso tomará a decisión”.

 Así mesmo, indicou que “o que representa o activo de Feijóo, á marxe das súas cualidades persoais, é o proxecto que encabezou”. Neste sentido, considerou “razoablemente satisfactorio o balance da xestión da peor crise do século en Galicia” e indicou que “seremos capaces dun debate razoable coas demais forzas políticas para obter un bo resultado electoral”. Cuestionado sobre a situación política en España.

 Puy dixo que é un “exemplo dos problemas que pode xerar unha excesiva fragmentación do voto e un escenario parlamentario tan complexo que impida formar un Goberno, mesmo xuntando a distintas forzas políticas”. “É a mellor forma de valorar a importancia que ten a existencia dun Goberno estable e que pode facer cousas, tomar decisións e que pode impulsar a economía para consolidar a recuperación”, engadiu. 

Puy sinalou que “o control político non é posible cun goberno en funcións, o que non quere dicir que o goberno non poda dar conta das labores de xestión ou daquelas decisión que, por razóns de urxencia, teña que adoptar”. “É algo que vai delimitar o Tribunal Constitucional”, concretou. “Trátase dun asunto enmarañado polo feito de que esteamos vivindo probablemente a campaña electoral máis longa da historia democrática de España, unha vez que o PSOE rexeitou a posibilidade máis clara, desde o punto de vista aritmético, de conformar un goberno estable a través dun acordo co Partido Popular, situación que nos vai levar a unhas novas eleccións xerais”, afirmou.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta