viernes, 1 de abril de 2016

O Polígono de San Cibrao amosa nunha feira, a súa condición de gran polo industrial de Ourense

Acudo esta mañá a sede da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, para asistir á inauguración da feira empresarial “O polígono nunca visto”, organizada pola Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao con motivo do 50º aniversario do recinto empresarial máis importante de Galicia.

Abriu o acto Elías Mera, presidente da asociación dixo que esta feira empresarial, na que participan unhas 80 firmas do polígono, “ten como obxectivo abrir as portas das empresas do noso recinto empresarial para que a cidadanía coñeza as experiencias e os produtos dunha significativa parte do sector empresarial ourensán”, e remarcou que na súa plena madurez “o polígono de San Cibrao segue crecendo sólido, estable e de maneira continua, sendo o referente do emprego na provincia de Ourense, con máis de 8.000 postos de traballo”. Tivo palabras de recoñecemento aos precursores deste Polígono e para as empresas e traballadores que acolle. Falou tamén o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández que recoñeceu a importancia do Polígono no desenvolvemento socioeconómico deste concello

Visitando o espazo expositivo da empresa aeronáutica  COASA
De seguido interveu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que reafirmou no acto inaugural “a alianza estratéxica que mantén a institución provincial co Polígono de San Cibrao, motor económico da provincia”, e subliñou a importancia dos proxectos que ámbalas dúas entidades desenvolven conxuntamente, entre os que citou o Servizo de Emerxencias que a Deputación sufraga no recinto empresarial, “unha colaboración público-privada que puxo en marcha a Deputación de Ourense hai 50 anos e que se visualiza en proxectos que favorecen o crecemento e o impulso competitivo do Polígono de San Cibrao”.

No espazo de Hispamoldes.
Pechou o acto o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que subliñou que o polígono de San Cibrao das Viñas é hoxe un dos máis grandes da Comunidade, con case 5 millóns de metros cadrados, 320 empresas e 8.000 traballadores.

 “Aquí traballan máis da metade das persoas que se dedican ao sector industrial en Ourense; e a metade das medianas empresas da provincia de Ourense teñen aquí a súa sede”, precisou.
Dixo que o polígono de San Cibrao das Viñas se enmarca dentro dese esforzo xeral por facer máis dinámicos os parques empresariais da Comunidade. Non en van, recordou que nel se atopa un dos cerebros económicos de Galicia, o Parque Tecnolóxico que a Xunta impulsou en 1993.


COREN: peza fundamental do Polígono
Lembrou que o apoio a Tecnópole non é a única mostra do compromiso da Xunta con este polígono industrial, que puxo o foco do seu investimento tanto nas súas infraestruturas como no apoio das compañías que a compoñen. “E imos seguir traballando coa asociación de empresarios do polígono, para impulsar a seguridade, reforzar a infraestrutura tecnolóxica e reparar as vías. Seguiremos atendendo as necesidades deste polígono, dos seus emprendedores e dos seus traballadores” aseverou.
Sobre este punto, afirmou que o Goberno galego segue a traballar co Ministerio de Fomento incidindo na importancia de situar unha estación ferroviaria de mercadorías dentro deste polígono; “e temos unha partida de 15 millóns de euros consignada nos presupostos da Xunta para conectar este parque empresarial coa A-52. Neste momento, estamos elaborando o proxecto construtivo que adxudicaremos nas próximas semanas para deixar lista a licitación e a contratación da obra”.
A empresa "Orember, pioneira" no Polígono
Feijóo garantiu o compromiso da Xunta por seguir impulsando os parques empresariais da Comunidade para incentivar o tecido produtivo e o crecemento económico. “Somos conscientes de que sen solo industrial accesible non se poden constituír empresas e por iso decidimos durante a crise económica reactivar as políticas de solo industrial da Comunidade”, aseverou, lembrando que durante os últimos anos se rebaixou entre un 30% e un 50% o valor do solo industrial propiedade da Xunta, “e o efecto foi que no ano 2015 vendimos máis solo industrial que durante os anos 2012, 2013 e 2014 conxuntamente”.
Destacou que para continuar e reforzar esta estratexia se autorizou, ademais, o alugamento do solo industrial en réxime de dereito de superficie, “o que supón pagar ao ano céntimos de euro por cada metro cadrado” dixo.

O titular da Xunta concluíu reiterando que Galicia cumpriu en 2015 o obxectivo de déficit, “o que nos vai permitir –aseverou- un crecemento san; é dicir, non crecer con base en créditos nin en débedas, senón crecer realmente con base no diñeiro que temos dispoñible”. Así mesmo, resaltou que isto permitirá adicionalmente “non ter que pedir como o resto das comunidades diñeiro ao Goberno central para chegar a final de mes e, non ter que pedir esforzos aos cidadáns durante os próximos meses para axustar o déficit público”.

As modernas instalacións de "Aceites Abril"
Recomendo a todos que acudan a Expourense entre hoxe e mañá, 2 de abril. Verán as 80 empresas do polígono de San Cibrao que exhiben os seus produtos e experiencias empresariais, e ademais existe un amplo programa de actividades que abrangue espectáculos científicos, demostracións, mesas redondas e conferencias sobre emprendemento e innovación, así como un foro de emprego con actividades referidas ao mercado laboral. 

!Quedarán gratamente sorprendidos!


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta