miércoles, 13 de abril de 2016

O novo Congreso ratifica, a pesar da oposición de En Marea-Podemos, o seu compromiso para seguir impulsando a A-76 entre Ourense e Ponferrada

A Comisión de Fomento do novo Congreso xurdido tras o 20 D aprobou esta tarde coa única oposición de En Marea-Podemos, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se ratifica o compromiso da Cámara Baixa coa "necesidade de continuar impulsando as actuacións necesarias para que se faga realidade o proxecto de autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada".

Na votación, a iniciativa obtivo o respaldo dos 31 deputados de PP, PSOE e Cidadáns, abstivéronse 4 (ERC, DL, Compromís e PNV) e votaron en contra os 8 deputados de En Marea-Podemos.

A iniciativa foi impulsada conxuntamente polos deputados populares das provincias de Ourense, Lugo e León, Miguel Ángel Viso e Celso Delgado,  Joaquín García e Jaime de Olano e Eduardo Fernández e María del Carmen González Guinda, e foi defendida por quen subscribe.

Lembrei que esta vía, cunha lonxitude total de 125 quilómetros e que ten un orzamento estimado de 1.110 millóns de ", é prioritaria para a vertebración dos territorios. Dixen, ?o proxecto da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada é de gran importancia para a mellora das comunicacións entre Castela-León e Galicia, sendo hoxe a primeira prioridade avanzar no tramo entre Valdeorras e O Bierzo".

Esta nova vía de alta capacidade supoñerá un importante avance desde o punto de vista funcional nas condicións existentes de comunicación no corredor da estrada nacional N-120, e mellorará tanto as distancias do percorrido, como os tempos de desprazamento e as condicións de comodidade e seguridade para os usuarios da vía e a súa contorna.

Subliñei que, na pasada X Lexislatura, a A-76 foi considerada unha infraestrutura estratéxica polo Ministerio de Fomento, dirixido por Ana Pastor, e lembrei que, por iso, foi incluída polo Goberno no Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda (PITVI 2012-2024) recibindo un forte impulso.

Falei dos tres subtramos principais da citada autovía:  Ponferrada - O Barco de Valdeorras, O Barco de Valdeorras-Monforte de Lemos e  Monforte de Lemos-Ourense, e destaquei que no primeiro deles xa hai dous tramos, o de Villamartín de la Abadía-Requejo e o de A Veiga de Cascallá-O Barco, con proxecto en redacción desde finais do 2014 e que o outro, Requejo-A Veiga de Cascallá, ten licitada a redacción do proxecto desde o 2 de abril do presente mes.

O primeiro dos tramos en redacción, Villamartín de la Abadía-Requejo, ten 7,6 km e un orzamento de 35,26 millóns, e espérase que estea finalizada a súa redacción este ano, igual que a do tramo A Veiga de Cascallá-O Barco, con 8,4 km de lonxitude e un orzamento de 26,35 millóns. O tramo Requejo-A Veiga de Cascallá, de 10,7 km, ten un orzamento de 223 millóns e será adxudicada a redacción do proxecto nos próximos meses.

Puxen en valor todo o avanzado para impulsar esta infraestrutura desde o Ministerio de Fomento e asegurei que para o segundo dos subtramos, O Barco de Valdeorras- Monforte de Lemos, os PGE-2016 contemplan xa a licitación do proxecto da variante de Monforte de Lemos. "Trátase dun compromiso moi importante, xa que é o tramo con máis tráficos porque é onde conectan a A-76 coa A-72 (Monforte de Lemos - Chantada)".

Finalmente, expliquei que no tramo Monforte de Lemos-Ourense, o último dos tres previstos, atendendo reclamacións presentadas ao trazado seleccionado no estudo informativo, o Ministerio de Fomento, coordinado coa Xunta de Galicia, procederá a realizar un novo estudo do trazado e a sometelo de novo a información pública para facelo compatible coa declaración (en tramitación) da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural.

Debo criticar a posición expresada pola deputada Alexandra Fernández, de En Marea-Podemos, que se opuxo frontalmente a esta autovía argumentando "que non estaba xustificada por intensidade de tráfico" e asegurando que "bastaría con mellorar a estrada N-120". Cualifico de inaceptables estas afirmacións por canto a actual estrada nacional está claramente superada polo actual tráfico e provoca molestias e atrasos nos desprazamentos. 

En Marea-Podemos tamén afirmou que esta estrada provocaría despoboamento, desestruturación social e económica e non favorecería ás áreas intermedias, así como que non supoñería ningún aforro en tempos de desprazamento. Ao meu xuízo estes argumentos tamén son falaces, posto que o que fará esta autovía será dar máis accesibilidade a todas as poboacións das comarcas que atravesa favorecendo o asentamento poboacional e a actividade económica.

Alexandra Fernández pediu expresamente "a paralización de todo o adxudicado e en fase de licitación". Considero que esta petición, afortunadamente só secundada por eles mesmos, vai en contra dos intereses xerais de todos os ourensáns, lucenses e bercianos, que expresaron en multitude de ocasións por medio dos seus alcaldes e representantes políticos o seu apoio decidido a esta autovía, do mesmo xeito que o solicitaron con reiteración empresarios, traballadores, transportistas e un longo etc.

Pode ver este debate por medio desta ligazón:(Desde o minuto 3:40:45 a 3:53:00)





Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta