Recibo en Madrid, a boa nova de que hoxe foi presentado en Ourense o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, unha nova titulación en Ourense " que dotará de músculo ao incipiente sector aeronáutico e aeroespacial galego”, como recalcou o rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. Para facelo, indicou, o novo grao deseñouse “tendo en conta o tecido empresarial e produtivo galego e as súas necesidades”. O título de Enxeñaría Aeroespacial, subliñou Salustiano Mato, “é unha aposta que facemos desde a Universidade de Vigo para toda Galicia”, xa que será unha titulación única no Sistema Universitario Galego.
Durante a súa intervención, o reitor quixo agradecer o traballo levado a cabo pola Xunta de Titulación deste grao; polo seu presidente, José Antonio Vilán, e por todas as persoas que participaron na maduración da proposta ata a súa definitiva aprobación. Nas súas palabras, o reitor tamén quixo agradecer á Xunta de Galicia e ao seu presidente o seu compromiso con esta proposta desde os seus inicios.
Neste acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo afirmou que Galicia está a apostar con firmeza polo desenvolvemento dun polo aeronáutico e aeroespacial que terá a forma dun triángulo con tres vértices: o das empresas, o industrial e o do talento. Nesta liña, explicou que Nigrán albergará o núcleo do sistema de intercambio de tecnoloxía. Alí terá unha sede Inaer, unha das principais empresas do sector, e se constituirá tamén a unidade de instrución e formación de operadores de sensores. O outro vértice estará en Rozas, no Centro de Investigación Aerotransportada, que acollerá un parque industrial e tecnolóxico de sistemas aéreos non tripulados para uso civil. E, o último vértice, o da formación e a captación de talento, estará en Ourense, onde se impartirá o Grao en Enxeñaría Aeroespacial.
O titular da Xunta subliñou que con esta titulación pecharase o triángulo do coñecemento aeroespacial, que permitirá aproveitar as sinerxías existentes entre a formación académica, a investigación punteira pública e privada, e a industria do sector.
A posta en marcha do grao de Enxeñaría Aeroespacial, engadiu neste acto o Jesús Vázquez, supón “un deses feitos que axudan a facer cidade e a unirnos”. O alcalde de Ourense e anterior conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destacou “a aposta clara” que existe para a potenciación dun campus periférico como o de Ourense a través do seu proxecto de especialización como Campus da Auga e agora coa implantación do grao de Enxeñaría Aeroespacial.
Salientar tamén as palabras do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmando que hoxe “é un día grande para Ourense, pois a nosa provincia sitúase como referente no coñecemento aeroespacial de España”, e destacou que a Deputación de Ourense “sempre estivo co Campus, desde os seus inicios, coa cesión dos terreos para a súa construción, ata a actualidade, cos convenios anuais que financian diversas actuacións, sempre con Ourense como eixo principal, apoiando iniciativas como o “Campus da Auga”, que camiña da man do goberno provincial no Plan Termal, nesta provincia líder en termalismo, e a partires de agora coa formación de enxeñeiros de vangarda nunha área tecnolóxica de última xeración”.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta