miércoles, 4 de mayo de 2016

Na presentación do estudo sobre “Turismo Termal en España”

Asisto hoxe na Casa de Galicia, en Madrid, ao acto de presentación do estudo sobre “Turismo Termal en España”, que contou coa participación do presidente da Deputacion Provincial, Manuel Baltar, o director xeral da Escola de Organización Industrial (EOI), Fernando Bayón; o director xeral da “Vuelta a España”, Javier Guillén, o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega e Mario Crecente, director do estudio nacional, é o redactor do Plan Termal Provincial.

Fernando Bayón destacou “a alianza estratéxica entre a EOI e a Deputación de Ourense para impulsar proxectos que aplican a innovación en ámbitos como o termalismo ou o fomento do emprego”, e subliñou “o traballo planificado e a visión integral de provincia de Manuel Baltar para desenvolver iniciativas que achegan valor promocional e económico ao territorio ourensán”.

Pola súa banda, Javier Guillén remarcou o protagonismo que este ano ten a provincia de Ourense “unha edición 71ª na que cobra unha especial relevancia o termalismo, pois, ademais da denominación da proba como “Ourense Termal-Madrid”, será en contornas termais onde teña lugar a saída e onde se disputen as primeiras etapas, concretamente catro, na provincia de Ourense”.

Mario Crecente director deste estudo “Turismo Termal en España” salientóu que é un traballo de investigación impulsado pola Escola de Organización Industrial e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. 

Dixo que o obxectivo do estudo é potenciar o subsector do turismo termal en España a través da identificación de novas oportunidades de negocio e a configuración dunha oferta turística novidosa e innovadora que axude a diversificar un sector maduro como é o do turismo.

Crecente sinalóu que levaron a cabo unha análise do sector, identificando as necesidades en materia de investigación, innovación, capacitación e formación, co fin de mellorar a adaptación do sector termal ás novas tendencias do mercado nacional e internacional e contribuír así á mellora da competitividade do sector turístico español.

Pechou o acto o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen propuxo “levar a cabo un gran “pacto termal nacional” para promocionar o termalismo español no mercado mundial”. Destacou “as potencialidades e singularidades sociais e económicas que ten o termalismo “situando a Ourense como a provincia protagonista do turismo termal de España e un referente no turismo de ocio e saúde en Europa”.

Baltar remarcou o auxe do termalismo, “que é unha panca de desenvolvemento en Ourense, capital da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, subliñando como exemplo “a ocupación do 100 % das prazas en establecementos termais que se produciu na pasada Semana Santa na provincia ourensá”.

Con Mario Crecente, director do Estudo
Falou do Plan Termal Provincial, promovido pola Deputación de Ourense, que realiza iniciativas como a de “Termalismo Social”, coa aplicación da administración electrónica como innovación, un éxito nacional da man do convenio entre Deputación de Ourense e Ministerio de Fomento a través de Renfe.

A isto únense, segundo Manuel Baltar, a construción de infraestruturas termais; programas para pór en valor as propiedades terapéuticas das augas mineiro-medicinais; as actividades socio-culturais que se realizan nas instalacións termais da provincia de Ourense; a investigación e a docencia por medio do Campus da Auga, “con retos e obxectivos compartidos polo goberno provincial e a Universidade de Vigo”, e tamén o impulso do “Termalismo Deportivo”, coa presenza de seleccións internacionais en instalacións termais ourensás. “Todo elo constitúen factores que visibilizan a marca Ourense e diversifican a oferta do termalismo da provincia de Ourense, propostas ás que agora se incorporan a piscina termal flotante de Laias e a viño-terapia en Leiro, innovacións para os novos tempos do noso termalismo”, dixo.

Recomendo a lectura desta excelente publicación, froito dun traballo rigoroso.

http://www.eoi.es/savia/documento/eoi-80475/turismo-termal-en-espana


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta