Explicou
que durante estes catro meses viuse "o que fixo cada un e nós fomos coherentes
co noso proxecto". Neste sentido lembrou que mentres "tivemos a uns e a outros
representando un vodevil" de roldas de prensa, reunións, entrevistas ou
renunciando ao seu propio programa electoral para apoiar ao candidato que
sacara o peor resultado da súa historia, desde o Goberno de Mariano Rajoy "dedicámonos a ser responsables e a non enganar aos españois".
Despois da votación na que o 97,8 % dos delegados do PPdeG apoiaron a candidatura de Alberto Núñez Feijoo á presidencia do partido, comezou a última intervención.
Feijóo, que agradeceu o traballo realizado por Alfonso Rueda, asegurou que vai
converter a honra de volver a liderar o partido na obriga e no compromiso de
non deixar de traballar “nin un minuto” por unha Galicia orgullosa do que é, do
que sente e do que fai, e que ten o seu futuro só nas mans dos galegos.
O líder do PPdeG agradeceu a
confianza depositada nel por parte dos militantes e asegurou que sabe o que
supón a responsabilidade de presidir o partido; de dar a cara polos 100.000
afiliados e ser o portador da ilusión e esperanza de tantos galegos; de manter
o listón máis alto que o dos demais; e do reto de acadar o que ningún outro
partido en ningún outro lugar acadou.
Feijóo pediu o apoio e
implicación de toda a formación para seguir traballando “todos xuntos” por
Galicia, tal e como sucedeu en 2009, en 2012 e como sucederá en 2016.
ORGULLOSOS DE GALICIA
Segundo Feijóo, en Galicia hai unha política responsable ante a frivolidade que afundiu o pasado e que agora quixo bloquear o futuro; hai un partido unido, democrático e autoesixente, que se renova e exerce un servizo público con humildade; hai un país que dá exemplo, que axuda e se une.
Por iso, o presidente do PPdeG
reivindicou a política que se fai en Galicia e fixo fincapé en que non se xogou
cos cartos dos cidadáns nin co seu futuro, senón que se xestionou con seriedade
e sensibilidade. Así, a economía da comunidade crece e o paro baixa; o sector
primario segue a ser prioritario; hai máis investimento e innovación; hai máis
profesores, máis idiomas, máis tecnoloxía no ensino público; hai unha universidade
accesible; hai máis hospitais públicos, centros de saúde e tecnoloxía
sanitaria; hai máis servizos sociais; máis apoio a quen máis o precisa; maiores
respaldos ás familias e menos e máis baixos impostos cada ano.
Con respecto a isto, Feijóo
engadiu que, se ben noutros lugares non hai unidade, equipo, renovación,
proxecto en positivo, estabilidade nin goberno, en Galicia si o hai grazas ao
PPdeG. Nesta liña, sinalou que en España non hai maiorías, pero en Galicia si,
e os populares vanse esforzar porque así siga sendo.
Por este motivo, afirmou que,
malia que aínda quedan metas que acadar, Galicia non ten nada do que
acomplexarse fronte a ninguén en España, nin nada que envexar nin que imitar.
Por iso, amosouse orgulloso de Galicia e apuntou que sempre buscará mellorala
pero non a cambiará por nada.
O presidente electo do PPdeG
puxo a Galicia como exemplo e aos galegos como guías e, neste senso,
reivindicou “máis Galicia” fronte a muros entre territorios, ideoloxías,
partidos e políticos; fronte á soberbia, a preocupación e o egoísmo; fronte á
irresponsabilidade, a frivolidade e o bochorno. Segundo Feijóo, “máis Galicia”
é máis convivencia, máis futuro, pero tamén máis España.
UNHA GALICIA RENOVADA
Recoñeceu
que Galicia avanzou e mellorou moito, pero iso só mostra que os populares son
capaces de conseguir todo que queda por diante: unha Galicia que debe
consolidar a súa recuperación; que debe funcionar como unha grande capital
europea; que é o enlace de España con Portugal e de Europa con América; que se
reinventa ao tempo que conta cos seus sectores tradicionais; que debe pechar o
círculo das comunicacións para abrise aínda máis ao mundo; e unha Galicia que
debe poñer en valor o seu patrimonio, xa sexa paisaxístico, natural, cultural
e, sobre todo, demográfico.
Por iso, aposta por unha
Galicia que apoie máis que en ningures ás nais e pais que deciden ter fillos e
por iso quere unha Galicia que creza pola vía da innovación e da educación.
Por outra banda, o presidente
electo do PPdeG indicou que renovou o partido –cunha renovación do Comité
Executivo do 44,6%- e renova o seu compromiso porque cómpre estar preparados
para o que queda por diante: renovar Galicia, para dar espazo a unha nova
xeración de galegos; para identificarnos pola innovación e a tecnoloxía; para
que o que nos identifica non sexa só algo do pasado senón parte do futuro; para
non deixar de ser o que fomos e poder seguir sendo o que somos.
“Asumo hoxe este mandato co
propósito de que Galicia se renove; é dicir, se prepare, se fortaleza e vaia
por diante”, asegurou. “Fomos diante nas duras e temos que renovarnos para que
Galicia vaia por diante tamén nas maduras”, abundou.
Feijóo concluíu dando a súa
palabra de que “hoxe, coma sempre, traballarei ao máximo e pelexarei con todas as
miñas forzas por Galicia”. “Imos traballar todos xuntos co obxectivo de dalo
todo por Galicia”, sentenciou.
Finalizada a súa intervención as persoas que integran o Comité Executivo do PP de G, pousamos nesta foto. A miña responsabilidade será novamente a de presidir o Comité de Dereitos e Garantías.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta