Saiendo nestra entrada a visita do presidente
da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Cuba.
Mantivo
unha reunión co vicepresidente do Consello de Ministros, Ricardo Cabrisas, para
facer un repaso pormenorizado de todos os sectores produtivos onde Galicia está
exportando e avaliar, así, a posibilidade de que estas exportacións se poidan
dirixir tamén a Cuba.
Feijóo trasladou a Cabrisas as capacidades
dos sectores produtivos galegos: do sector agroalimentario, tanto no cárnico
como no lácteo; do sector madeireiro; no ámbito da biomasa; no eido das TIC e
da biotecnoloxía; e tamén as capacidades no ámbito das infraestruturas e da
construción.
Nesta liña, agradeceu ao
vicepresidente o seu ofrecemento para coordinar co resto dos ministerios as
posibilidades de negocio e a concreción de investimento de compra e de venda.
Non en van, Ricardo Cabrisas foi o encargado de asinar co ministro Luis de
Guindos a condonación parcial e o establecemento da débeda de Cuba con respecto
ao Estado español.
Ao longo do encontro, Feijóo referiuse tamén aos datos das
exportacións en Galicia, “xa que os máis de 18.000 millóns de euros en
exportacións –aseverou- son, sen dúbida, unha tarxeta de presentación dunha
economía aberta, dunha economía que sabe vender e producir a prezo competitivo
e con calidade contrastada”.
Tamén nesta visita o presidente da Xunta
asinou co Ministerio de Cultura de Cuba
un memorando para consolidar os lazos históricos e culturais existentes entre o
pobo galego e o pobo cubano.
“Estamos a falar, en definitiva, dun memorando para concretar
distintas actividades de operadores culturais, de información e de traslado de
distintas experiencias no ámbito artístico e audiovisual, entre Cuba e
Galicia”, explicou, subliñando que entre as posibilidades que contempla o
documento atópanse a cooperación, o intercambio e a capacitación de expertos,
así como a catalogación e conservación do patrimonio material e inmaterial das
comunidades galegas.
Cunha vixencia de catro anos, o documento prevé ademais a
organización de exposicións de arte e a promoción e comercialización de obras
de artistas cubanos e galegos como outras iniciativas que se desenvolverán en
beneficio de ambas as dúas culturas.
Nesta liña, cómpre salientar que no prazo máximo dun mes, Cuba e
Galicia reuniranse novamente para explorar todas as opcións que ofrece este
novo marco de colaboración, e concretar as propostas que se levarán a cabo nas
próximas datas.
Se ben os vínculos de afectividade e apego existentes entre
ambos os dous pobos son sólidos e consistentes, este documento constata tamén
que a construción de Galicia como nacionalidade histórica é froito, en gran
parte, da actividade das comunidades galegas en Cuba, ao tempo que estas tamén
foron parte da construción da nación cubana.
Este memorando pon de manifesto a relación privilexiada entre as
institucións autonómicas e o Goberno cubano, e nun momento no que a illa está
vivindo un proceso de actualización no que Galicia quere estar moi presente.
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es