Houbo
onte Consello da Xunta e despois a habitual rolda
de prensa, na que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo avanzou que
a Xunta destinará, aproximadamente, un terzo dos recursos do superávit de
responsabilidade en garantir un mellor futuro dos nenos e da mocidade galega.
“O noso futuro son os nenos galegos e é a mocidade; son mellores condicións
para a sanidade pública e máis axudas para as familias e as persoas que máis o
precisan; e son maiores facilidades para o emprendemento e a dinamización
económica, e máis investimentos produtivos que sexan rendibles hoxe e mañá”,
aseverou.
Precisou que nas próximas semanas irase debullando con maior
profusión as decisións, as medidas e os programas que permitan cumprir con
estas prioridades.
No
tocante á infancia, afirmou que, do mesmo xeito que
a comunidade galega iniciou a vacinación infantil antipneumocócica, defendeu a
vacinación contra a varicela antes dos tres anos e puxo á disposición plans
sanitarios concretos como o da prevención da obesidade infantil ou a proba de
cribado a recén nacidos, a Xunta porá en marcha o Bono Coidado para completar a
oferta de apoio ás familias, tamén en casos en que os pequenos teñan que
permanecer na súa vivenda debido a unha enfermidade.
No
eido social, afirmou que se axilizará a entrada en
funcionamento para o próximo curso de 7 novas garderías con 479 novas prazas
públicas; e impulsaranse obras de mellora de equipamento en 100 garderías
públicas. “E faremos ademais os trámites necesarios para estender a Tarxeta
Benvida ao próximo ano, de xeito que bebés nados en 2017 tamén reciban a axuda
de 100 euros”, dixo.
Feijóo
subliñou que estas medidas complementarán a outras xa postas en funcionamento,
entre as que destacou: o Bono Concilia, para que todas as familias que o
precisen teñan acceso a unha praza pública ou, no seu defecto, a unha axuda
directa para gardería; as casas-niño no rural ou o servizo de axuda no fogar
para a infancia; e as deducións fiscais.
En
relación á educación, resaltou que a Xunta inxectará –ademais dos fondos de
investimento previstos xa- 20 millóns máis de euros para realizar distintas
melloras nos colexios e nos institutos, que permitirán acometer diversas
actuacións en 372 centros educativos, o que suporá actuar en 1 de cada 3
centros de ensino, beneficiando a preto de 100.000 estudantes.
Igualmente,
duplicarase a oferta de bolsas e becas destinadas a que os rapaces poidan
aprender inglés, de xeito que este mesmo ano duplicaranse as prazas para
actividades de inmersión lingüística, coa previsión de chegar a uns 1.400
rapaces.
No
eido da mocidade, avanzou dúas decisións: a primeira
delas, será a gratuidade do transporte público interurbano metropolitano para
todos os galegos menores de idade. “Todos os mozos de menos de 18 anos terán
gratuítos os desprazamentos dentro da área metropolitana”, dixo, ao que engadiu
que a Xunta se porá en contacto con aqueles concellos do ámbito rural que aínda
non estean no transporte metropolitano, para que se incorporen voluntariamente
e así poder chegar ao 100% de Galicia.
No tocante
á segunda decisión, destacou que o Goberno galego incrementará nun 50% as
prazas de investigadores, co obxectivo de que 300 investigadores permanezan en
Galicia.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que defender unha política responsable fixo posible falar dunha “prima de solvencia” que agora, ten consecuencias concretas e positivas para os cidadáns.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que defender unha política responsable fixo posible falar dunha “prima de solvencia” que agora, ten consecuencias concretas e positivas para os cidadáns.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta