martes, 10 de mayo de 2016

Un Plan estratéxico 2015-2020 para conseguir unha Galicia cohesionada social e territorialmente na que se siga creando emprego

Saliento o feito de que hoxe no marco dun debate no Parlamento de Galicia o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez subliñou que o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 instaura un marco estable de actuación para poder “achegar certezas e fuxir das improvisacións”, e que o principal obxectivo é impulsar e liderar un proxecto de futuro para afrontar con éxito os novos desafíos da Galicia do ano 2020.
O titular de Facenda destacou que nun contexto competitivo coma o actual “todas as administracións precisan dun marco estable que lles permita formular expectativas realistas e duradeiras”, para facer realidade os seus proxectos.
Explicou que se trata dun documento clave para deseñar a Galicia do futuro, pactado coa sociedade no proceso de participación “máis amplo da historia de autonomía”, e enriquecido coas achegas de todos os grupos parlamentarios. Neste sentido, remarcou a importancia de que as distintas formacións políticas acaden “acordos e consensos” sobre o contido do plan, xa que é o que “a sociedade está a reclamar”.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou nese debate que o Plan Estratéxico para a economía galega 2015-2020 “blinda o gasto social sen subir os impostos, inicia unha senda de crecemento e redución do endebedamento, e mantén a solvencia da comunidade galega”. 
Puy explicou que o Plan Estratéxico “pretende mobilizar os recursos de forma non conxuntural, senón ao longo prazo, inxerindo á economía galega eficazmente no que é a Unión Europea e unha economía que tende á globalización, evitando a dispersión de esforzos”.

CERTIDUME AOS AXENTES ECONÓMICOS

“Estamos cunha planificación que serve para coordinar as actividades da administración; tomar o futuro en consideración; racionalizar as decisións en función dos medios e das competencias; controlar a actividade da organización, tanto cando actúa e polos resultados que pretende acadar no futuro; e aporta información e certidume aos axentes económicos, o que é bo para fomentar e potenciar o crecemento económico”, sinalou.

Ademais, o portavoz popular manifestou que se trata dun “documento vivo, que se vai renovando e modificando porque permite transparentar a acción política”. “É un dos instrumentos de control da acción pública máis interesantes dos que se dispoñen nun estado moderno”, asegurou.

Puy apuntou que o Goberno galego “trae este plan porque é coherente co que está a facer: está coordinado, pensa no futuro, as decisións que se adoptan son racionais e axustadas aos medios e as competencias que ten a administración, leva anos aprobando normas de control do público e porque nos gusta dar certidume aos axentes económicos”.

OPTIMISTAS PARA O CUMPRIMENTO DOS OBXECTIVOS

Na súa intervención, Puy afirmou que os obxectivos do Plan Estratéxico “están enumerados e a situación actual permite ser optimistas” para o seu cumprimento. En concreto, sinalou que o plan sitúa un crecemento medio do PIB do 2,5 por cento para o período 2015-2020; a creación de máis de 100.000 empregos e reducir ao 10 por cento a taxa de paro; duplicar o gasto en I+D+I e elevar as exportacións; ou rebaixar a taxa de abandono escolar.

“O Plan Estratéxico ten soporte físico, tres tomos con máis de 700 páxinas, integrado a través de catro eixos de actuación que afectan a toda a acción administrativa: emprego e crecemento intelixente; benestar e cohesión social; crecemento sostible; e sociedade dixital e cultura; ademais dun quinto eixo transversal que é a modernización da administración”, explicou Puy.

Ademais, engadiu que “todo isto se desenvolve en 74 obxectivos estratéxicos e 21 obxectivos instrumentais para dar un impulso ao crecemento económico, partindo dun modelo que se basea na innovación e no capital humano para conseguir unha Galicia cohesionada social e territorialmente na que se siga creando emprego”.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta