Rajoy lembrou a todos aqueles españois que aínda non teñen emprego e que "desgraciadamente aínda son demasiados". "Os meus pensamentos e os meus desvelos hoxe son para esas persoas ás que aínda non lles chegou a recuperación", sinalou . "Quero dicirlles que todas as políticas que puxemos en marcha e que seguen aplicándose no noso país non teñen máis obxectivo que conseguir que quen non pode traballar poida facelo no futuro", asegurou .
Deste xeito, indicou que xa se recuperaron un millón e medio dos empregos destruídos pola crise e "non imos descansar, facendo as cousas con sensatez e sentido común, ata recuperalos todos". Quedan moitas cousas por facer; atópome a metade dunha tarefa que é tan difícil como apaixonante, sobre todo cando un empeza a ver que as decisións que se tomaron empezan a ter resultados",afirmou.
Doutra banda, referiuse aos datos de afiliación á Seguridade Social, lembrando que fai catro anos perdíanse cotizantes a un ritmo do 3,3% anual e que hoxe o número de cotizantes está a subir un 2,6%. Ademais, desde febreiro do ano 2013, pasamos de 16,1 millóns de afiliados a 17,6 millóns, un dato, ao seu xuízo, "importantísimo" porque coas cotas da Seguridade Social páganse as pensións.
Mariano Rajoy subliñou outras grandes cifras que avalan o camiño da recuperación emprendido. Desta maneira, España é hoxe en día o país da UE con maior crecemento económico, cun avance do 3,2% no ano 2015 mentres que a media da Unión foi da metade. Ademais, a inflación española é inferior á de Alemaña e á media da eurozona: "Levamos 33 meses cunha inflación menor á de Alemaña e iso é moi importante porque fai que as nosas empresas sexan competitivas e poden exportar: gañamos competitividade e poder adquisitivo". "Somos hoxe uns dos países máis exportadores do mundo e do G-7 só nos supera Alemaña", sinalou.
O presidente do Goberno en funcións asegurou que, se conservamos as mesmas directrices en política económica levadas a cabo ata hoxe, España vai crecer a taxas elevadas, en torno ao 2,5% anual e "quizais, en condicións propicias, por encima desa cifra".