jueves, 14 de julio de 2016

A maioría dos galegos cre que a sanidade pública aumentou a súa calidade

Onte tivo ligar a derradeira sesión de control do Pleno do Parlamento de Galicia e nela o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que os datos de listas de espera deste primeiro semestre do ano, que están a piques de ser publicados, son os mellores que leva acadado a sanidade pública galega desde que hai rexistros.
Referiuse así ás melloras que se están a acometer no Servizo Galego de Saúde, cuxos profesionais, dixo, foron quen non só de manter o excelente nivel da sanidade pública galega en época de recesión económica, senón de ofrecer mellores servizos.
Segundo precisou, en Galicia hai hoxe máis infraestruturas sanitarias, máis dereitos para os pacientes e máis actividade nos hospitais e centros de saúde. Indicou, así, que o sistema de saúde público galego conta agora cun novo hospital en Lugo, outro en Vigo e un edificio de hospitalización novo en Ourense a punto de ser entregado. E, xunto con isto, engadiu que se ampliou o hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa e que xa empezaron as obras do hospital de Burela.
Neste punto, adiantou que este mesmo mes a Xunta vai asinar co Concello de Pontevedra o novo gran hospital de Montecelo.
Canto a centros de saúde, sinalou que son 36 os que a Xunta leva posto en funcionamento durante estes sete anos, 25 novos que xa están construídos e 11 reformados; ademais dos 13 que entran en servizo ao longo de 2016 e outros 10 que o Goberno galego está a licitar. “O 70% dos galegos no ano 2016 teñen ou un hospital novo, ou un hospital reformado ou un centro de saúde novo” na súa contorna, reiterou.
Feijóo tamén citou a implantación ao cen por cento de avances funcionais como a historia clínica electrónica, a receita electrónica ou as consultas telefónicas en Atención Primaria, das que se levan contabilizado xa 2 millóns. E, na mesma liña, salientou que Galicia dispón do calendario de vacinas máis amplo de España e dunha Lei de prestacións de garantías sanitarias.
Por outra parte, durante a súa intervención, o titular da Xunta fixo alusión ao barómetro sanitario correspondente ao mes de xuño, que indica que a maioría dos galegos cre que a sanidade pública aumentou a súa calidade. Segundo detallou, reflicte que o 71% dos galegos opina que a sanidade pública é boa ou bastante boa, 8 puntos por enriba da valoración da media de España; e que a maioría cre que a sanidade está mellor ou igual que antes. Neste contexto, citou como exemplo que o 78% dos galegos cre que está mellor en Atención Primaria, e o 65,5% que está mellor nas consultas hospitalarias.
Ademais, a estes datos engadiu tamén a opinión das asociacións en defensa da sanidade pública que, segundo indicou, sinalan que a valoración de Galicia subiu un chanzo, o que sitúa a sanidade pública galega no quinto lugar das comunidades autónomas de réxime xeral; mentres que en 2006, lembrou, estaba no número 11 e en 2007 no número 13.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta