domingo, 24 de julio de 2016

Na entrega das Medallas de Galicia 2016

Asisto hoxe na Cidade da Cultura ao acto de entrega das Medallas de Galicia, ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto, o artista Francisco Leiro Lois, ocatedrático Basilio Losada e o grupo ourensán de rock Los Suaves.


Este foi o discurso do presidente Alberto Núñez Feijóo:

"Autoridades presentes,
Señoras e señores,

Lonxe quedan os tempos en que unha Galicia illada por circunstancias adversas se situaba nas marxes da historia. Nesa historia, Galicia era ás veces espectadora e outras vítima, pero case nunca protagonista.

Todos os rexurdimentos que aquí teñen lugar senten un desexo común por situar o noso país como unha parte esencial, activa e determinante do mundo hispánico e europeo. Todas as formulacións do galeguismo coinciden en loitar por un engrandecemento do propio, mediante a conexión e a colaboración co noso contorno cultural. Cando se fala de ‘nós’, hai un ‘vós’ implícito.

Toma corpo un patriotismo galego humano, próximo, nada dogmático e cosmopolita, ben diferente ao que considera unha ameaza todo o que sexa distinto. Esa forma de entender a identidade e a pertenza cobra un valor especial nos tempos nos cales nos tocou vivir.

Vivimos unha realidade esperanzadora e difícil, ilusionante e tamén incerta. Podemos darlle as costas, pero seguirá estando aí. Podemos pensar que non nos afectan as encrucilladas que ten diante de si o proxecto europeo, as crises humanitarias ou os desafíos da intolerancia terrorista, pero esa actitude non solucionará nada.

A palabra ‘lonxe’ ten cada vez unha aplicación máis limitada. Non hai límites claros entre os asuntos locais e globais. Os temas galegos están impregnados da mesma problemática que preocupa a países semellantes ao noso. Non imos incorrer na presunción de pensar que Galicia ten unha fórmula maxistral para resolvela, pero si é oportuno subliñar un estilo de convivencia avalado polo tempo e apoiado polos resultados.

Galicia é un país de síntese. Tradicional e moderna. Urbana e rural. Industrial e agraria. Conservadora e innovadora. Gaiteira e rockeira como Los Suaves. Cunha literatura na que conviven as cantigas coa creación actual, como sucede con Basilio Losada. Cunha escultura enxebre que chega a Nova York, como ocorre con Francisco Leiro.

Cunha arquitectura que é galega por ser internacional, e internacional por ser galega, como demostra Manuel Gallego Jorreto. 

Entre cada unha das antíteses da realidade galega non hai abismos senón pontes. Ningunha das partes da nosa terra quere romper coa outra, senón complementarse. Hai un común denominador nos distinguidos hoxe: innovan sen romper nin menosprezar a tradición. Somos un país de continuidades. Cada xeración entrega a remuda á seguinte. Nunca empezamos de cero. Nin na música, nin na escultura, nin na literatura, nin na arquitectura. Nin na vida. Todos somos o que fomos. Todos somos o que seremos.

Esta calidade nosa vai vencellada ao tipo de patriotismo que profesamos, feito por heroes comúns e case sempre descoñecidos que cumpriron co seu deber. Non hai que buscalos nos libros de historia nin nos monumentos, senón no noso propio contorno, nas familias, no traballo, no acontecer diario.

Están na memoria dun fillo de pais admirables, na lembranza dun discípulo de mestres que souberon inculcar a verdadeira sabedoría, nas vivencias do compañeiro dun profesional cabal e honesto. As bandeiras dos nosos países erguéronse en tempos duros nos que era difícil manter a esperanza. Merecen tamén unha medalla, aínda que sexa simbólica, por construír entre todos unha casa común na que nos sentimos libres, iguais e fraternos.

Será difícil semellarse a eles por moito que o intentemos. O patriotismo máis fecundo e perdurable é o seu. Son os seus valores os que recobran forza nun mundo onde espertan vellas ideas de dispersión, insolidariedade e autarquía.

Os galegos aprendemos durante a nosa andaina pola historia que os pobos aparentemente pequenos non están condenados a seren cativos se son quen de tecer redes de cooperación e colaboración.

Os galegos aprendemos que ‘o noso’ non se salvaguarda con murallas, sempre expugnables, senón facéndoo presente en grandes conxuntos que respecten as diversidades.

No mundo de hoxe, camiñar en solitario é retroceder, ser vulnerables, estar a mercé das adversidades. Os peregrinos que chegan a Santiago saben que o mellor do Camiño é sentirse parte dunha corrente humana que comparte sentimentos comúns.

Manuel Gallego Jorreto forma parte da corrente da grande arquitectura con vocación de posteridade. Na súa obra hai unha síntese de ‘proxecto e contexto’, que é tanto como dicir do autor con Galicia. Trátase dunha arquitectura con raíces que absorben o mellor da terra, e pólas abertas a todas as influencias. É unha característica común a Molezún, De la Sota, Tenreiro ou Villar, por citar creadores admirados por este protagonista desta cita do Día de Galicia.

Alguén chamou a Francisco Leiro ‘Sísifo confuso’. Porén, habería que entender o paralelismo non como incapacidade para chegar ao cumio, senón como insatisfacción. Pero non é a insatisfacción a enerxía que move ao artista? Nese triángulo creador que forman Cambados, Madrid e o barrio neoiorquino de Tribeca, o noso escultor segue sendo un home que dialoga coas árbores, coa natureza enteira para extraer dela os seres que celosamente oculta.

As raíces de Basilio Losada están en Láncara e Barcelona. Con el perdeuse un bo xuíz, pero Galicia gañou un erudito fundamental da nosa cultura que fai chegar os seus saberes ata Gante ou Friburgo. Como os vellos humanistas que percorrían Europa, Basilio Losada séntese patriota de moitas patrias. El conta dezanove.Demóstranos que a cultura europea é un feito difícil de cuestionar, e que nela ten un lugar de privilexio a nosa.

Aqueles rapaces que aparecen no escenario con Los Ramones e logo cos Rolling Stones, só querían “tocar e ir tirando”, en confesión de Charli Domínguez. Los Suaves farán de Ourense unha das capitais mundiais do rock and roll, esa corrente musical que naceu en todas as partes e en ningunha. A suavidade ‘felina’ será a banda sonora de varias xeracións. Esta medalla de ouro é tamén, sen dúbida, para Yosi, hoxe ausente, pero que a recibe desde o hospital en Santander.

Álvaro Cunqueiro, creador de tantos personaxes e historias que xa forman parte da realidade, creou en O incerto señor don Hamlet un verbo moi definitorio dos galegos: ‘anosar’. Anosar podería traducirse por ‘incorporar’, pero iso non colma o seu significado. Anosar é facer noso algo que inicialmente non o era. Expresa a capacidade de asimilar outras culturas para enriquecer a propia. Los Suaves ‘anosan’ o rock.

O rock é noso grazas a eles, e o mesmo sucede coa arquitectura, a literatura ou a escultura de vangarda que Gallego Jorreto, Losada e Leiro tanto dignifican, dignificaron e dignificarán co seu traballo.

Para Celso Emilio Ferreiro, o mundo chámase Celanova. Hoxe sabemos que o mundo pode chamarse O Carballiño, Cambados, Láncara e Ourense.

Grazas a estes fillos destes mundos galegos Galicia é emisora e receptora de cultura, tolerancia e entendemento. Así o seguirá sendo coa axuda do Apóstolo.
Que el, un refuxiado que funda o espírito europeo, nos inspire.

Grazas a todos os galardoados que representan o pobo de Galicia. Un pobo que tamén lembra que, hai hoxe tres anos, perdeu 80 persoas que, ás portas de Galicia, marcharon para sempre.

Moitas grazas. "


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta