Asisto hoxe na Xunta Directiva do PPdeG na que se presentaron as listas para as próximas eleccións autonómicas. Nela Alberto Núñez Feijóo remarcou que os protagonistas non son ningún dos membros desta candidatura senón todos os galegos aos que lles pedirán a súa confianza porque o proxecto que defenden son todos eles.
“Estamos aquí e son candidato polo que aínda queda por acadar”, afirmou Feijóo subliñando que os populares non se conforman con todo o que xa se logrou nos últimos anos.
Para o presidente, non só hai renovación na candidatura con respecto á que presentaban hai catro anos senón que “a renovación é a de Galicia porque mira o futuro con moita máis confianza”.
Asemade, fixo fincapé en que a nosa comunidade aínda pode conseguir máis e que así máis familias melloren a súa situación, máis traballadores teñan a súa oportunidades e máis persoas melloren tamén as súas condicións de vida.
Neste sentido, insistiu en que hai que acadar que máis mulleres e homes teñan emprego, lograr a recuperación total dos sectores estratéxicos que aínda sofren, que máis mozos teñan despois de estudar unha opción laboral, que haxa menos espera e máis e centros renovados na Sanidade pública, incrementar o apoio á natalidade, continuar sendo pioneiros en innovación en novos ámbitos e cumprir con novos compromisos como antes xa fixeron, por exemplo, coa eliminación do imposto de sucesións.
Igualmente, tamén recalcou que os populares están unidos, preparados e teñen unha motivación superior á do resto de partidos que é Galicia.
CENTRADOS NO QUE HAI QUE ESTAR
Durante a súa intervención, Feijóo reiterou que el nunca sería o candidato dun partido que estivera metido en liortas, divisións ou vendettas porque sabe o que é gobernar este país, a responsabilidade, as forzas e a perseveranza que se necesitan.
“Decidín volver presentarme para nada máis que estar ao que hai que estar e eu estou aquí para estar ao que hai que estar: Galicia e nada máis”, insistiu.
Tal e como recoñeceu, os populares non están para andar enfrontándose senón para que haxa estabilidade, progreso e para que ao día despois das eleccións haxa un goberno en Galicia.
Nese senso, o presidente advertiu que poderá haber partidos que se gobernen desde a sombra desde hai décadas, desde un despacho de Madrid onde se decide o candidato e se cambian as listas, ou desde o móbil con tuits ou con whatsapps.
Pola contra, salientou que gobernar a nosa comunidade é algo que esixe dedicación exclusiva e non consiste en trasladar os líos de partido ás institucións, nin en vencer a un adversario nas eleccións senón que é moito máis: “que a túa axenda diaria sexan os problemas das persoas ás que te debes, dedicar todos os teus esforzos a que os esforzos das galegas e os galegos merezan a pena, e poñer todos os sentidos no presente e futuro do país”. “Gobernar Galicia non son só palabras. Son feitos”, engadiu.
“Iso tratei de facelo eu, cos meus erros e os meus acertos. Cada día”, sinalou ao tempo que destacaba que todos os membros do goberno tamén trataron de cumprir co seu deber con responsabilidade e, ademais, con resultados.
UN PUNTO DE ENCONTRO
Feijóo incidiu en que a candidatura do PPdeG é a única capaz de ofrecer aos galegos a estabilidade, a responsabilidade e a unidade necesarias para avanzar así como o que se espera e precisa dun goberno: gobernar.
Segundo apuntou, a grande maioría dos galegos, desde a diversidade, coincidimos nuns mesmos obxectivos comúns: benestar para as familias e progreso para o país. “Aí está o noso proxecto. Para iso está esta candidatura”, indicou.
“Queremos ser, ante a división das liortas por intereses cativos, o punto de encontro de todo o que verdadeiramente importa á grande maioría de Galicia”, dixo Feijóo.
Como expresou, os populares son os únicos que están en condicións de garantir á cidadanía estar centrados só en acadar os obxectivos en común, os que poden asegurar que Galicia non sufrirá o bloqueo e a parálise que se está a dar en España nos últimos oito meses e os que teñen un proxecto para seguir traballando desde o luns 26 de setembro.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta