lunes, 1 de agosto de 2016

Feijóo decide que as próximas eleccións autonómicas se celebren o próximo 25 de setembro


Esta tarde o presidente Alberto Núñez Feijóo compareceu en rolda de prensa e deu lectura ao seguinte comunicado :

“ No exercicio das atribucións que me confire a Lei da Xunta e a súa Presidencia no seu artigo 24, acabo de reunir o Consello da Xunta para informar de que esta mesma tarde asinarei o Decreto de disolución do Parlamento e a convocatoria de eleccións autonómicas en Galicia.
Durante os últimos catro anos tanto o Goberno de Galicia como eu mesmo tentamos facer un traballo responsable e serio que garantise a estabilidade política e institucional de Galicia durante toda a lexislatura.
Durante os últimos sete meses de bloqueo en España, tratamos de que Galicia se mantivese á marxe desta situación e que esta parálise institucional e política que está a sufrir a nación española non afectase, ou afectase o menos posible, as institucións de autogoberno de Galicia.
Durante este tempo eu fun o primeiro que de xeito reiterado pedín responsabilidade a todos os políticos que teñen competencia e responsabilidade no goberno e na gobernabilidade do país para que se dese unha solución e unha saída a esta situación de bloqueo que leva vivindo e sufrindo España nos últimos sete meses.

Por esa mesma seriedade e por esa mesma responsabilidade que, polos intereses de España e de Galicia, reclamei aos demais, quero dicirlles que a miña decisión é que as próximas eleccións autonómicas se celebren o próximo 25 de setembro de 2016.
Polo tanto o Decreto de disolución e convocatoria de eleccións levará a data do 25 de setembro de 2016, data das eleccións autonómicas ao Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia.
É certo que durante os últimos tempos precisei que a miña intención era que as eleccións galegas tivesen lugar en outubro e á vez que o País Vasco, como nas dúas últimas convocatorias.
Esta dobre condición xa non se podía dar desde o momento en que o lehendakari convocou as eleccións para o próximo 25 de setembro e por tanto había que elixir entre convocar as eleccións ao tempo que o País Vasco ou convocalas nun dos días do mes de outubro.
Creo que se un pide seriedade e responsabilidade e se un ten o obxectivo de achegar estabilidade ao seu país, o consecuente con todo isto é que as eleccións se fagan coincidir coas eleccións en Euskadi.
Creo que non sería serio nin responsable pola miña parte convocar as eleccións galegas unha semana ou algúns días máis tarde que as eleccións vascas só por saírme coa miña de que fosen en outubro, e non porque dixese en outubro tiñan que ser en outubro.

Creo que ademais isto non sería positivo para Galicia. Estou convencido de que tampouco sería positivo para o conxunto de España nin, na miña opinión, é positivo dada a situación política que estamos a vivir neste momento en España. Porque prolongaría a inestabilidade que xeran os diferentes procesos electorais aos que nos vimos sometidos nos últimos meses.
Galicia é estable e ao longo desta lexislatura Galicia achegou responsabilidade, estabilidade e seriedade a España. E Galicia quere seguir achegando responsabilidade, seriedade e estabilidade a España e, por suposto, a nós mesmos. Por iso, desde o primeiro día da lexislatura... e a miña intención é que o faga ata o último día da lexislatura, tamén na elección do domingo no que se van celebrar as eleccións autonómicas en Galicia. 
Quero simplemente rematar dicindo que eu lamento a sensación de fastío que moitos galegos poden sentir porque nun período de nove meses terán a opción de acudir ás urnas por terceira vez e quen sabe se, nun período un pouco máis longo, teremos que acudir ás urnas por cuarta vez...
...quero transmitirlle a todos estes galegos que senten fastío pola situación política que estamos a vivir, quero deixarlles claro, que isto desde logo non é responsabilidade dos galegos. Non é responsabilidade de ningún galego nin de ningunha galega esta situación de fastío político que estamos a vivir no conxunto de España e, por suposto, tamén en Galicia.

A razón pola que Galicia convoca e celebrará eleccións en outono é porque é obrigatorio conforme ao Estatuto de Autonomía dado o vencemento da lexislatura en outono. Porque Galicia foi durante estes catro anos unha Comunidade estable e, por calendario, corresponde que se celebren eleccións.
A lexislatura en Galicia foi como debería ter sido a anterior lexislatura en España –que lamentablemente só durou seis meses- e como debería ser a actual lexislatura que acaba de comezar en España.
Galicia é estable, Galicia foi estable e seguirá sendo estable ata o final da lexislatura e, na miña opinión, o mellor que lle pode pasar a Galicia é que Galicia siga sendo estable desde o primeiro día da próxima lexislatura.
Para iso traballamos desde a Xunta de Galicia e confío en que todos os partidos que nos presentemos ás eleccións teñamos ese obxectivo e capacidade para achegar estabilidade á política galega e que Galicia siga desfrutando dunha estabilidade política como desfrutou nos últimos anos.”

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta