Asisto esta tarde á Xunta Directiva que, como xa é habitual logo duns comicios, o Partido Popular de Ourense celebrou para analizar polo miúdo os resultados electorais.
O presidente Manuel Baltar comezou agradecendo aos 92.418 ourensáns que confiaron o seu voto ao Partido Popular, “porque este é un trunfo para Ourense e os ourensáns, que apostaron clara e maioritariamente por catro anos máis de progreso cun goberno estable na Xunta”. Un resultado que para o presidente provincial só se pode alcanzar “cando se traballa sen descanso, haxa ou non eleccións, cunha campaña limpa, en positivo, chegando a todas as comarcas da provincia e falando de preto cos nosos veciños”.
Lembrou que hai tres meses, logo das xerais de xuño, “xa dicíamos que había posibilidades de mellora e hoxe demostramos que estabamos a falar cargados de razóns, tantas como os case que 2.400 ourensáns (2.392) máis que con respecto ás autonómicas de 2012 decidiron agora darnos a súa confianza”.
Un incremento no número de votantes que se traduce en preto de catro puntos máis (3,94 %) de apoio porcentual ao PP, ata alcanzar o 53,11 %, o máis elevado de toda Galicia e que consolida a tendencia ascendente que marcaron as eleccións municipais de 2015. A explicación, dixo Baltar, radica nunha formación “que se marca obxectivos precisos, como desta volta consolidar os oito parlamentarios que tiñamos, sen deixar de aspirar ao noveno, e alcanzar o 50 % de apoio ou mesmo superalo como así foi”.
Sen deixar de destacar a elevada participación na provincia (66,12 %), “a maior de Galicia que aínda lexitima máis se cabe esta victoria”, Baltar presentou ante a xunta directiva o xa tradicional “mapa azul” da provincia, onde con total claridade se observa que o PP gañou en 88 dos 92 concellos, catro máis que nas anteriores autonómicas e un máis que nas pasadas xerais. En xuño, apuntou, “non desbotábamos posibilidades de gañar en algún dos cinco concellos onde o PP, por moi poucos votos, non acadou a maioría”. En dous deses municipios, Petín e Carballeda de Avia, alcanzouse o obxectivo.
A importancia destes resultados, indicou Manuel Baltar, tamén hai que buscala na extrapolación dos datos, que outorgarían 83 maiorías absolutas ao PP na provincia, cinco representantes máis na corporación provincial pasando dos actuais 14 deputados a 19 e consolidaría a representación no Congreso e no Senado, con tres membros en cada unha das cámaras.
Con este escenario, Baltar xa puxo tarefas aos membros do órgano de dirección ao afirmar que “dende este instante temos que poñernos a traballar para conseguir máis alcaldías no 2019”, sen deixar de advertir que aínda pode haber unha terceira convocatoria nacional de eleccións “polo que o dinamismo que nos caracteriza témolo que converter nunha mensaxe para o resto de España de como se deben facer as cousas”.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta