martes, 20 de septiembre de 2016

Eleccións 25-S: Feijóo: “Eu defendo a Galicia da fusión fronte á Galicia da fisión; e a Galicia da síntese fronte á Galicia da antítese

Asisto hoxe pola mañá en Compostela ao almorzo informativo organizado por Fórum Nueva Economía para escoitar ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. 

Dixo que “non quero máis líos para a miña terra” e anotou que “Galicia merece outra cousa, merece ser esa excepción en España que lle permita seguir avanzando con estabilidade, con responsabilidade e con inconformismo”. Neste sentido, afirmou que en Galicia “existe nos nosos días unha esquerda feudal que quere facernos volver ao minifundismo” e apuntou que “a orixe da suma multipartita que aspira a gobernar, ou mellor dito a desgobernar, está en pequenos cenáculos egocéntricos que invocan ao pobo co vello estilo do despotismo ilustrado: co pobo, sen o pobo”.

Sinalou que “unha característica de políticas vellas que chegan con marchamo da novidade é confundir a ampliación da democracia participativa coa diminución da responsabilidade de gobernar”. “O debate é unha fórmula para resolver, non unha coartada para a inoperancia, como sucede a cotío en determinadas administracións”, manifestou.

“Algúns están poñendo de moda os gobernos abstencionistas que teñen medo a gobernar”, matizou o Presidente do PPdeG, quen explicou que “abren debates e axitan polémicas porque carecen de recursos para transformar de verdade a vida da xente ou, se os teñen, carecen de valor”. “Eu defendo a Galicia da fusión fronte á Galicia da fisión; e a Galicia da síntese fronte á Galicia da antítese, porque creo que os feudalismos, o vello e o novo, deben quedar nos libros de historia”, dixo.

Neste sentido, engadiu que “estou farto de eslóganes, de palabras baleiras e de mesías redentores”, porque “os pobos maduros coma o noso elixen aos seus gobernantes para que lles digan a verdade e propoñan camiños acordes coa súa maneira de ser”. “Non me oirán nunca dicir que o noso goberno foi infalible, pero temos que poñer en valor que pensamos na xente, solucionamos problemas e non caemos na soberbia de pensar que acertamos sempre”, indicou.

Ademais, subliñou que “ligamos autonomismo a boa xestión, á defensa dos equilibrios territoriais en España, a europeísmo e fixemos de bos emprendedores un modelo social”. “Ese conxunto de factores fixo posible que a crise non atopara unha Galicia ao pairo, sumida en debates estériles e politicamente fragmentada”, sinalou.

Feijóo afirmou, por outra banda, que “o programa co que me presento a estas eleccións está concibido para comezar a ser cumprido desde o 26 de setembro” e, referíndose “aos que queren sumar os seus nons para formar ese tipo de goberno que o propio Alfredo Pérez Rubalcaba denomina Goberno Frankenstein”, anotou que “non é a Feijóo a quen realmente queren botar, senón a unhas ideas e principios de moderación, non de axitación; de reformas, non de roturas; e de cohesión, non de división”.

“Aspiro a ser como aqueles galegos que impulsaron infraestruturas que nos uniron aínda máis; como os que loitaron contra a crise con rigor, realismo e ímpeto; e como os que agora desexan aproveitar a recuperación”, manifestou, para alertar de que “non quixera que ese sentimento maioritario se vira frustrado o 26 de setembro, relegado polo que poderíamos denominar o feudalismo político”.

Na quenda de preguntas Alberto Núñez Feijóo, afirmou que lle parece "sensata"a advertencia lanzada a España polo presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, que lembrou que un incumprimento do obxectivo do déficit podería levar a un bloqueo dos fondos estruturais.

"Só hai unha rexión europea que cumpriu os seus compromisos con Europa e esa é Galicia", presumiu Núñez Feijóo. Con este argumento o presidente galego defendeu a xestión do seu goberno para cumprir co déficit.

Preguntado por cal sería a súa reacción se finalmente cúmprese a ameaza, Núñez Feijóo dixo que "o primeiro que faría é ir a Bruxelas" e "acreditar que Galicia non merece en ningún caso que se lle furte un euro" porque, engadiu, "foi unha comunidade autónoma exemplar". "Se todas as comunidades seguisen a política de Galicia, non habería problemas de déficit", asegurou.

Tamén revelou que "desde o primeiro día de campaña" ten gardada no seu diario unha "porra" cos resultados electorais que prevé para o 25-S. Nesa aposta, Feijóo augura que Cidadáns terá "cero escanos".

Ao líder da formación laranxa, Albert Rivera, o presidente en funcións da Xunta recomendou "modestia" despois de que "a elite madrileña e catalá de C´s cortase as ás" aos anteriores dirixentes do partido en Galicia.

Do candidato de En Marea, o xuíz Luís Villares, Feijóo dixo que lle sorprende "que un xuíz que ata hai pouco ditaba sentenzas que afectaban á Xunta, xa estaba a pensar entón en ser candidato". Pediu por iso unha reflexión ao Poder Xudicial. "Deberían pensar se isto é razoable", concluíu.

Defendeu ademais a política impositiva do seu Goberno, que, segundo dixo, sitúa a Galicia como "a comunidade de España con menos impostos no (ámbito) rural".

O presidente galego tamén puxo de relevo os logros da súa xestión económica. Como exemplo citou a política fiscal, un terreo no que aínda que afirmou que non se pode "comprometer a baixar ningún imposto", destacou que xa foron "capaces de baixar uns e de eliminar outros".


Esta política, que asegurou que continuará despois das eleccións, fará de Galicia !a comunidade de España con menos impostos no (ámbito) rural". Namentres, criticou a outros partidos que "van subir o imposto de sucesións".

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta