Onte tivemos en Expourense
un mitín multitudinario , abarrotado de militantes e simpatizantes do Partido
Popular de Ourense eprovincia que arrouparon aos candidatos populares pola
provincia, ao presidente provincial, Manuel Baltar, e ao presidente do PPdeG e
candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Deu a
benvida o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que amosou o reoñecemento á figura
de Feijóo como a persoa entregada as vintecatro horas dos 365 días do ano a
Galicia, e que merece que os electores
lle revaliden a confianza.
Logo foi
o turno da cabeza de lista da candidatura, Marisol Díaz, que afirmou que tiña
unha primeira tarefa que cumprir: “pediros a vosa confianza, o voso voto para
un partido solvente, cun proxecto serio, sólido, coherente, co aval da xestión,
que só ofrece o Partido Popular con Feijóo ao frente”.
Díaz
advertiu que Galicia e Ourense xogánse o futuro nas eleccións do domingo, “e se
conseguimos o apoio suficiente, todos os galegos saberemos dende o minuto un
que goberno imos ter. Ninguén máis pode dicilo, tan alto, tan claro e tan
certero”.
Lonxe da
Galicia do sufrimento, dos recortes e da emerxencia da que falan os outros
partidos, dixo a candidata, “eu prefiro ser construtiva, loitar por un futuro
mellor, por unha provincia na que creo, por unha Galicia de progreso, onde as
familias importan, onde imos dar pulo á conciliación, axudar ás familias que
queren ter fillos, a formar mellor á mocidade, a crear emprego, a dinamizar o
noso rural e a devolverlle aos ourensáns e aos galegos o esforzo realizado
durante a crise con menos impostos.
Foi logo
o turno do presidente provincial Manuel Baltar que nunha vibrante intervención avalou as súas verbas con realidades “que
ninguén pode negar”, subliñando o salto cualitativo que para os ourensáns
suporá, en materia de asistencia sanitaria, o novo hospital de Ourense e o
centro de saúde de O Couto, a mellora das comunicación que implicou a
construción de novas vías de altas prestacións como a autovía de Celanova, o
compromiso coa conservación do patrimonio coas obras de restauración da ponte
romana ou o novo edificio xudicial de Ourense, sen esquecer as melloras que se
realizaron en todos os edificios xudicias da provincia.
Aínda
citou Manuel Baltar a ampliación, reforma e mellora de 89 centros educativos ou
a atención á conciliación, coas próximas casas niño que se abrirán na
provincia, “17 de 30 en toda Galicia”, con referencias ao incremento das horas
de dependencia para chegar ao 100 % dos dependentes.
Logo foi
o turno do Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo que dixo que “o bloqueo político que vive
España nestes momentos non tería sucedido de terse imitado máis a Galicia”,
polo que propuxo “seguir sendo unha excepción de unidade, estabilidade e
responsabilidade”.
Indicou que “se o domingo hai eleccións en Galicia é pola mesma razón pola que eu pido o apoio dos galegos: por catro anos de estabilidade en Galicia, cumprindo co deber desde o primeiro ata o último día e para crecer e baixar o paro”.
Na súa intervención, fixo referencia a que
“agora toda España parece estar pendente de Galicia porque hai eleccións”, pero
demandou “aos políticos da oposición no Congreso dos Deputados que deberían ter
mirado para Galicia moito antes e ter visto como fomos responsables desde moito
antes nesta crise; cumprimos sempre coas nosas responsabilidades; e non
deixamos de crer nas nosas posibilidades, confiando no noso naval, na
automoción, no sector aeronáutico ou no lácteo”.
“Mantivemos a estabilidade mentres no Congreso
asistimos a nove meses de loitas de egos; suprimimos o imposto de sucesións,
baixamos o IRPF e eliminamos impostos no rural; axudamos ás familias e apoiamos
ás nais e pais que teñen un fillo; facíamos un país mellor, cos pes na terra”,
manifestou.
Así mesmo, apuntou que “non miredes tanto as
urnas do domingo, mirade todo o que fixo o pobo galego neste tempo. “Non
veñades a dar leccións, nin moito menos a descualificar. Vide a aprender do
pobo galego cada día durante estes catro anos, o domingo das eleccións e, sobre
todo, o luns, porque Galicia non vai estar en funcións nin perdendo o tempo nin
un minuto”, solicitou.
“Eu non quero unha Galicia como España, quero
unha España como Galicia, porque Galicia merece seguir sendo unha excepción”,
afirmou. Deste xeito, pediu o voto a todos os galegos “sen excepción o próximo
domingo: aos que sempre non apoiastes; aos que nos deixaron de votar noutras
eleccións, porque Galicia merece a pena e nos reconcilia; e a todos os que
noutras eleccións votaron Ciudadanos ou PSOE, porque hai dúas opcións de
Goberno e na que eu propoño eles se sentirán máis cómodos e máis
representados”.
Feijóo explicou que “eles preséntanse como
inventores da democracia e salvadores, pero sempre á contra: a contra de todo o
que este pobo acadou durante estes anos difíciles; á contra do que somos,
queréndonos cambiar por outro pobo que se axuste á súa ideoloxía; e á contra de
Feijóo”. “Fronte ás súas divisións, barreiras, fronteiras, liñas vermellas e
bloqueos; no noso Si a Galicia cabemos todos, pode máis o país que os partidos
e pode máis a suma de esforzos que os prexuízos”, indicou.
“O noso Si a Galicia non é dunhas siglas fronte
a outras, nin consiste simplemente en derrotar ao outro, senón que é de todos
os galegos e galegas que queremos dicir si á moderación, ao respecto, ao
traballo conxunto, aos obxectivos comúns, a seguir avanzando e a Galicia”,
dixo.
O Presidente do PPdeG asegurou que “é moito
máis o que nos une do que nos separa”, porque sinalou que “a gran maioría dos
galegos queremos que se cree emprego e se melloren as condicións laborais; que
se actúe con responsabilidade e se siga crecendo; servizos públicos sostibles e
mellores; que se apoie ás familias, que se axude ás nais e pais no coidado dos
seus fillos; que haxa máis axudas para emprender; e seguir con estabilidade e
avanzando”.
Para rematar, lembrou que “queda ben pouco para
as eleccións do vindeiro domingo, pero é o tempo para que faledes cos vosos e
lles preguntedes cando había mellores perspectivas de futuro, cando tivemos un
goberno dividido ou agora; de que xeito se pode tomar máis en serio a un país
para que se confíe nel, con estabilidade política ou cun espectáculo lamentable
como o destes meses en España; ou se é mellor que o luns haxa un Goberno que
estea traballando no que debe ou varios partidos facéndose un reparto”.
“Estou convencido de que se tedes esa conversa, por máis diferenzas que poidades ter, coincidiredes na mesma resposta que a gran maioría dos galegos queremos darnos a nós mesmos e darlle ao resto de España: En Galicia si”, finalizou.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta