Interveño esta mañá no programa Voces de Galicia de Radio Voz, que modera Antía Díaz Leal na que hoxe compartín micrófono con Domingos Sampedro e Xosé Luis Barreiro
En primeiro lugar falamos da conta atrás de tan só 21 días para que conclúa o prazo para chegar a un acordo e formar goberno.
Dixen que ese calendario vén determinado, en boa parte, polos tempos do PSOE, que celebrará o vindeiro sábado 15 de outubro as primarias do PSC e previsiblemente un Comité Federal o 16.
E que se como todos esperamos nesta reunión os socialistas decidisen absterse, o seguinte paso daríase polo Rey Felipe VI, que antes de designar candidato, comprobaría nunha rolda de contactos os apoios cos que conta esta vez Mariano Rajoy para culminar con éxito a investidura. E se todo fose ben, chegariamos á última semana de outubro para celebrar a segunda sesión investidura de Rajoy.
Falamos logo das consecuencias que o actual bloqueo político está a ter en materia de pensións, emprego, licitacións e investimento.
Resaltei que prorrogar os orzamentos de 2016 implica limitacións como non poder incluír novos investimentos nin decisións de gasto diferentes ás xa consignadas e que non podemos obviar o procedemento sancionador da Comisión Europea a España. Atraso nos orzamentos que afecta as comunidades autónomas, que non poden aprobar os seus orzamentos para o 2017 por non aprobarse o límite de déficit.
Tamén aludín á retardación de licitacións e adxudicacións de obra pública e que a inestabilidade política xa está a afectar a proxectos de investimento.
Finalmente falamos do debate dos dous candidatos á presidencia dos EEUU, entre Clinton e Trump. A miña opinión foi a de lamentar os excesos desta agresiva campaña centrada na descualificación do adversario e nas alusións persoais. Non dubidei en opinar que Donald Trump é unha persoa que non está capacitada para dirixir os destinos dunha gran nación como é a norteamericana.
Recibirá resposta
Recibirá resposta