Publica hoxe o BOE a Resolución do 20 de outubro de 2016, da Secretaría de Estado de Medio Ambiente, pola que se formula informe de impacto ambiental do proxecto Construción de plataforma de integración urbana e acondicionamento da rede ferroviaria de Ourense, proposta de novo vertedoiro.
O tramo obxecto de proxecto pertence ao denominado Corredor Norte - Noroeste. Liña de Alta Velocidade Madrid - Galicia conforme ao establecido no Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte (PEIT), 2005-2020, aprobado polo Goberno o 15 de xullo de 2005.
A declaración de impacto ambiental do proxecto Integración urbana e acondicionamento da rede ferroviaria de Ourense publicouse no «Boletín Oficial do Estado» (BOE) de data 10 de decembro de 2011.
Na actualidade está a tramitarse a avaliación de impacto ambiental dos Proxectos de Construción dos tramos Seixalbo-túnel de Montealegre e túnel de Montealegre-estación de Ourense e do proxecto básico do tramo Taboadela-Seixalbo.
Como consecuencia do proceso de información pública dos devanditos proxectos recibíronse numerosas alegacións en oposición á utilización dos vertedoiros V-1 e V-2, tanto de particulares, como do Concello de Taboadela, agrupacións políticas e asociacións de afectados.
O obxecto do proxecto é un novo vertedoiro adicional aos propostos no estudo informativo do proxecto de construción de plataforma de integración urbana e acondicionamento da rede ferroviaria de Ourense, para ter máis flexibilidade nas zonas de vertedura e poder minimizar a ocupación dos citados vertedoiros. As actuacións sitúanse no Parque Empresarial A Taboadela, no municipio de Taboadela, na provincia de Ourense, pertencente á Comunidade Autónoma de Galicia.
O promotor e órgano substantivo do proxecto é a Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria da Secretaría Xeral de Infraestruturas, pertencente ao Ministerio de Fomento.
Tendo en conta todo o que contempla este estudo, e a proposta da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural, o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente resolve de acordo coa avaliación de impacto ambiental practicada segundo a Sección 2.ª do Capítulo II do Título II e a análise realizada cos criterios do anexo III da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, non é previsible que o proxecto Construción de plataforma de integración urbana e acondicionamento da rede ferroviaria de Ourense, proposta de novo vertedoiro, cumprindo os requisitos ambientais que se desprenden da presente Resolución de Informe de Impacto Ambiental e o indicado polos organismos consultados, vaia a producir impactos adversos significativos, polo que non se considera necesaria a tramitación prevista na sección 1.ª do capítulo II do título II da devandita Lei.