Onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo impartiu unha conferencia sobre Estabilidade e sustentabilidade nun Estado descentralizado, no Círculo de Economía, en Barcelona, e destacou nun primeiro termo a necesidade de non mesturar o financiamento autonómico co debate identitario. “Son dous aspectos diferentes que requiren un trato distinto. Mentres que o identitario ten unha gran carga de emotividade e subxectividade, o financeiro ha de cinguirse a criterios razoables e obxectivos como o custo da prestación de servizos ou a demografía”, dixo, lembrando que o modelo vixente ten a súa orixe nun acordo do Goberno central e a Generalitat, co que se pretendía pechar un longo contencioso.
Avogou por facer “máis autonómico o Estado das autonomías” cun modelo de financiamento baseado en criterios razoables e obxectivos, con vocación de futuro e transparente. Lonxe de romper ou substituír o Estado das autonomías ou a España das autonomías por modelos que basean o seu atractivo na súa vaguidade, Feijóo puxo de manifesto así a necesidade de cumprilo en toda a súa extensión, facendo que as comunidades autónomas non sexan algo periférico, senón nuclear no Estado español, mediante a activación de mecanismos durmidos e incluso coa creación de instrumentos novos.
Así mesmo, incidiu na importancia de acordar un financiamento con vocación de futuro e permanencia xa que, segundo afirmou, nin a estabilidade nin a sustentabilidade nun Estado descentralizado serán posibles cun financiamento precario que o mesmo día da súa promulgación abra o debate da súa reforma.
Logo de referirse á opacidade do modelo existente e destacar a necesidade dun sistema baseado na transparencia, Feijóo resaltou ademais como cuarto hándicap a falta de mecanismos que aclaren o reparto de recursos entre a Administración central e as autonómicas; ambigüidade que, segundo aseverou, desemboca nunha tensión constante que tamén frustra esa “ansiada estabilidade e sustentabilidade do Estado que a todos nos pertence, que todos sufragamos e en cuxas decisións todos debemos participar”.
Para superar todos os desencontros, o presidente do Goberno galego puxo de manifesto a idea dunha nova cultura política na que os moderados dunha e outra parte deixen de ser reféns daqueles grupos ou ideoloxías que necesitan o conflito para sobrevivir. E, sobre este punto, lembrou que a Transición democrática e autonómica é a historia dun éxito debido a que o liderado do proceso estivo en mans dos que querían tender pontes, e non nas daqueles que se obstinaban en destruílos.
“O auténtico dilema está entre os que se queren instalar indefinidamente no conflito, e quen avogamos por superalo”, abundou, resaltando que os galegos entenderon que a identidade se preserva mellor coa estabilidade e sustentabilidade políticas que coa axitación permanente, o conflito ou a desmesura. “É a nosa unha maioría feita con pontes tendidos entre os propios galegos, e entre Galicia e o seu contorno”, dixo.
Así mesmo, recordou que no caso da Comunidade galega o autogoberno non só non foi un escollo, senón que durante varios anos foi a súa única barreira de protección fronte a moitas políticas erradas do anterior Goberno central.
O titular da Xunta concluíu a súa intervención facendo fincapé en que o diálogo entre Cataluña e o resto de España ha de basearse no que xa se dá todos os días entre os cataláns e o resto dos españois. “Aprendamos do pasado sen permitir que nos condicione”, aseverou, afirmando que “cataláns, galegos e españois non estamos unidos só pola lei, senón por un Estado que nos pertence e uns afectos aos que nunca renunciaremos”.
A miña coincidencia con todos estos importantes plantexamentos pronunciados por Feijóo na querida capital catalana.
Recibirá resposta