Visitei este fin de semana o recinto feiral de Expourense para coñecer a novena edición da Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios Funergal 2016.
Fixen un percorrido polos stands acompañado do Presidente da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Juan Carlos Parada e do director Xerente, Alejandro Rubín, e tiven oportunidade de saudar e falar con empresarios deste importantísimo sector da actividade económica.
A Asociación Nacional de Servizos Funerarios publicaba fai un par de semanas un informe sobre o sector funerario no ano 2015 que revela que nese ano faleceron en España 422.276 persoas, o que supón unha media de 1.156 falecementos diarios. Segundo os datos achegados polas empresas funerarias, actualmente o sector ocupa a 11.305 traballadores, 500 deles contratados durante o último ano, o que indica que é un sector en auxe e xerador de emprego. En España existen 1.435 empresas funerarias. Máis do 80% da facturación do sector corresponde a empresas funerarias cunha cifra de negocio superior a 1 millón de euros.
Ourense, é unha provincia de gran tradición na fabricación de cadaleitos, especialmente en Ribadavia e Piñor de Cea. Saudei entre outros aos representantes de Hijos de Luís Chao Sobrino S.A. que opera desde 1910, Ataúdes Gallego S.L. e Óscar Pousa que están a realizar un gran traballo.
Unha feira que pechou onte as portas da súa edición máis completa, superando as cifras das oito edicións anteriores no que respecta número de expositores (110), superficie expositiva (primeira vez a pavillón completo) e países representados, un total de 14.
Esta Feira Internacional conseguiu ademais a visita de máis de 4.000 profesionais e a satisfacción xeneralizada dos expositores que xa situaron como unha das grandes citas internacionais do sector, sendo ademais a única celebrada na Península neste ano.
Esta edición contou coa presenza de grandes grupos funerarios de España (Funespaña, Interfunerarias, Grupo Albia e Parcesa). Estes expositores compartiron espazo cos principais fabricantes de cadaleitos, fornos crematorios, urnas, vehículos fúnebres e outros artigos funerarios de España e Portugal e doutros países como Italia, Holanda ou Alemaña que ademais tiveron a oportunidade de reunirse cos importadores de Perú, Chile, México e Colombia que participan na misión comercial internacional desta edición.
Esta cita profesional constituíu ademais unha excelente ocasión para gozar do turismo de negocios e optimizar a visita a Ourense, participar no programa de Funergal e gozar dos recursos turísticos da cidade e a provincia grazas aos paquetes moi atractivos que dispuxo a organización.
As miñas felicitacións máis sinceras a Alejandro Rubín e a todo o seu equipo polo éxito desta feira Internacional, un exemplo de profesionalidade.
Recibirá resposta