Relacionada coa anterior, esta a nova anunciada onte polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, na rolda de prensa do Consello, referida a ampliación ao gas natural
das axudas contra a pobreza enerxética.
Logo
de recordar que, na actualidade, a Xunta pon a disposición das familias que o
necesiten axudas de dous tipos diferentes: o tique eléctrico social, implantado
en 2014, e as axudas de urxencia para evitar os cortes de luz, en vigor desde
2016, Feijóo precisou que a partir de 2017, tamén poderán acceder a estas
axudas as familias galegas que non poidan pagar as facturas do gas.
Deste xeito, cando algunha das familias vulnerables estea en risco de sufrir un
corte de luz ou gas por impagamento ou atraso, activarase un protocolo de
urxencia. A comercializadora de luz ou gas notificará ao cliente da existencia
destas axudas e se a familia interesada presenta a solicitude ante a Xunta, a
Administración autonómica solicitará á compañía que paralice o corte de
subministro durante un mes, tempo necesario para resolver a axuda.
Así
mesmo, cómpre salientar que aínda que non se solicite a axuda no momento
preciso, o subministro reanudarase en canto se faga.
Cómpre
precisar que, a través do tique eléctrico, ofrécense axudas de 180 euros ao
ano, contía que ascende ata os 300 euros no caso de familias numerosas. Pola
súa parte, para evitar cortes de luz e gas natural, a Xunta pagará dúas
facturas por ano e un importe de 200 euros por solicitante.
Feijóo
subliñou que esta axuda ponse en marcha a través dun protocolo de colaboración
único coas empresas comercializadoras: Gas Natural-Fenosa, Endesa, Iberdrola,
EDP, CHC e Viesgo. E, a estas compañías de referencia do mercado regulado
iranse sumando, ao igual que este ano, as comercializadoras do mercado libre
que o desexen.
O
titular da Xunta fixo fincapé en que a loita contra a pobreza enerxética é un
obxectivo do Goberno galego e lembrou que desde 2014 concedéronse xa 4.955
axudas do tique eléctrico social; mentres que este ano houbo 1.051 familias que
evitaron un corte de luz coas axudas de emerxencia.
Nesta
mesma liña, salientou que estas axudas compleméntanse co bono social que hai
dispoñible a nivel estatal e con outras iniciativas de ámbito autonómico como a
colaboración con colectivos como Cáritas e a Cruz Vermella, para que as
familias en risco coñezan estas axudas; a defensa dos consumidores, “que nos
levou a abrir máis de 2.300 expedientes sancionadores ás eléctricas” desde
2009, por un importe duns 23 millóns de euros; e o Plan de aforro e eficiencia
nas vivendas galegas, co que a Xunta axudou nos últimos dous anos a 7.000
fogares a reducir ata un 50% o custo necesario para manterse a unha temperatura
axeitada.
Por
tanto, como concluíu o titular do Goberno galego, “agora en Galicia non será
fácil cortar o subministro de gas do mesmo xeito que non é fácil cortar o
subministro da luz”
Recibirá resposta