Hoxe foi día de sesión de control ao Goberno no Pleno do
Parlamento de Galicia.
En resposta ás preguntas dos grupos o presidente da
Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por un pacto político, social e
económico para levar á Cámara unha Lei de impulso demográfico. Con este
obxectivo, Feijóo propuxo ao Partido Socialista e ao resto das forzas políticas
que se integren no Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, no que
están as organizacións sindicais, as universidades e a sociedade civil galega.
Cualificou a caída demográfica de “problema
estrutural” e lembrou que o Goberno galego está a traballar no marco
autonómico, nacional e europeo. “No marco autonómico, presentando o primeiro
Plan de apoio á natalidade que existe en Galicia e con iniciativas como a
Tarxeta Benvida, coas deducións fiscais máis grandes de España neste eido, con
máis prazas de garderías, coa posta en funcionamento do Bono Concilia e coa
creación das casas niño”, precisou, incidindo en que en toda a historia da
Comunidade non houbo en Galicia outro goberno que achegase máis apoio as familias
e máis deducións fiscais por fillos que este.
Así mesmo, a nivel nacional lembrou o pacto asinado
por Galicia e outras comunidades como Asturias, Castela e León, Cantabria,
Castela a Mancha, a Rioxa, Estremadura e Aragón para atallar a crise
demográfica. E, no marco europeo destacou a petición galega de que os fondos
europeos se valoren desde o punto de visto demográfico.
Implicación de todos para loitar contra a violencia de
xénero.
O presidente da Xunta aproveitou a súa
intervención na Cámara para trasladar a solidariedade dos galegos, do
Parlamento e do Goberno autonómico aos familiares de Ana e Elena, “asasinadas
vilmente hai uns días en Galicia”.
Sobre este punto, Feijóo apelou á concienciación
social de todos para loitar contra a lacra da violencia machista, “porque isto
–dixo- non é un problema das mulleres é un problema de toda a sociedade”.
Feijóo garantiu o compromiso da Xunta na loita contra
a violencia machista e a favor da igualdade real e efectiva entre homes e
mulleres, subliñando que os orzamentos destinados á Secretaría Xeral da
Igualdade subirán un 31% en 2017, un 60% as axudas económicas en relación coas
mulleres vítimas de violencia de xénero e un 23% as achegas para os programas
de atención psicolóxica.
Nesta liña, salientou ademais que Galicia será a
primeira comunidade que regulará a formación específica en igualdade para o
persoal da Administración autonómica; “somos das primeiras comunidades que
temos unha materia de formación en igualdade no ámbito da educación obrigatoria
e estamos a elaborar un protocolo de coordinación institucional a través do
Observatorio Galego da Violencia de Xénero, unha folla de ruta para establecer
unha atención personalizada e especializada ás vítimas”.
O responsable da Xunta incidiu na importancia de
denunciar para loitar contra a violencia de xénero, lembrando que o teléfono
016 está á disposición de todos os cidadáns as 24 horas do día.
Un novo modelo de financiamento autonómico
Por último, o presidente do Goberno galego reiterou a necesidade dun sistema de
financiamento que fale non de territorios senón dos custos dos servizos, das
persoas, dos maiores, dos nenos, das cidades, das aldeas e que reflicta a
sanidade como unha peza separada, “porque as comunidades investimos en sanidade
máis do 40% do gasto”.
“Non imos supeditar a reformulación do sistema de
financiamento autonómico a unha discusión de bandeiras, de sentimentos ou de
emocións. Esa non é a cuestión, a cuestión é que unha prótese de cadeira custa
o mesmo en Cataluña que en Santiago e que un maior ten os mesmos dereitos en
Zafra que en Ortigueira. Iso é o que vou defender. O envellecemento da
poboación é un cálculo obxectivo, incuestionable. Non vou propoñer unha tarifa
eléctrica distinta dicindo que en Galicia temos que pagar unha cousa e no resto
de España outra, porque non quero que se rían de nós”, aseverou, lembrando que
o concerto económico sería un mal negocio para Galicia.
Recibirá resposta