Xa na recta final do ano, a próxima semana no Congreso dos Deputados terá unha gran intensidade parlamentaria.
Mañá luns, 19 de decembro, ás 16,00 horas o ministro Íñigo De la Serna acudirá á Comisión de Fomento que presido para comparecer e expoñer as liñas xerais do seu departamento nesta nova lexislatura. Faio a petición propia e de seis Grupos Parlamentarios.
Pola súa banda, Dolors Montserrat, acudirá á Comisión de Sanidade e Servizos Sociais o martes ás 10,00 horas, e o mércores ás 16,30 á de Igualdade. O martes, ás 10,00, Cospedal comparecerá en Comisión de Defensa; o mércores, ás 10,00, Zoido acudirá á Comisión de Interior; ás 17,00 horas Dastis á de Asuntos Exteriores e Cooperación; e ás 17,30 farao García Tejerina na de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
A sesión plenaria comeza o martes, día 20 de decembro, co debate conxunto de dúas propostas de reforma da Lei Orgánica 2/1979 do Tribunal Constitucional. Ambas as iniciativas, presentadas polo Partit Demòcrata de Catalunya, do Grupo Parlamentario Mixto, e polo Grupo Parlamentario Vasco (EAJ-PNV) propoñen a derrogación da reforma aprobada en 2015, na que se establecía o recurso previo de inconstitucionalidade para os proxectos de Estatutos de Autonomía ou a súa modificación.
En caso de superar esta primeira votación, abriríase o prazo para presentar emendas ao articulado, que serían debatidas e votada en Comisión. O ditame que, no seu caso, aprobase a Comisión tería que elevarse a Pleno, xa que ao tratarse dunha reforma de Lei Orgánica debe recibir o respaldo da maioría absoluta da Cámara antes de pasar ao Senado.
A continuación someterase a este primeiro debate de toma en consideración da Proposición de Lei, do Grupo Parlamentario Socialista de modificación do artigo 42.1 do Estatuto dos Traballadores para garantir a igualdade nas condicións laborais dos traballadores subcontratados.
Posteriormente o Congreso dos Deputados debaterá dúas proposicións non de lei: unha do Grupo Parlamentario Popular relativa a continuar impulsando o proceso de adopción dun Estatuto Internacional para as Vítimas do Terrorismo; e outra presentada polo Grupo Confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, relativa á mellora e garantía das condicións laborais das camareiras de piso no sector turístico.
En último lugar debateranse as mocións consecuencia de interpelacións urxentes do Grupo Socialista sobre medidas urxentes contra a pobreza; de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea sobre a política de asilo do Goberno; e de Cidadáns sobre a política do Goberno encamiñada a implementar as medidas aprobadas recentemente pola Comisión Europea destinadas a encabezar a transición enerxética global cara a enerxías limpas.
Sesión de Control
O mércores, ás 9,00 horas, renovarase o Pleno coa Sesión de Control ao Goberno. Ese mesmo día decidirase se se valida ou derroga o Real Decreto-Lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.
Esta iniciativa prevé que os alumnos e alumnas "realicen unha avaliación individualizada pola opción de ensinos académicos ou pola de ensinos aplicados, na que se comprobará o logro dos obxectivos da etapa e o grao de adquisición das competencias correspondentes".
O Real Decreto-Lei elaborado polo Executivo prevé a celebración das avaliacións finais de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato no presente curso 2016/2017, aínda que ditas probas non terán validez académica ata o curso 2017/2018. Isto "permite á comunidade educativa que se adecue ao novo sistema e á realidade educativa de cada Comunidade Autónoma".
Recibirá resposta