Interveño hoxe no faladoiro de radio Voz no programa "Voces de Galicia" na que compartín micrófono con Carme Adán e Xaime Vila.
Á luz dunha reportaxe que publica hoxe o Diario La Voz de Galicia sobre a vida despois da política de certos deputados do Parlamento de Galicia que deixaron recentemente de selo, preguntounos respecto diso a moderadora Antía Díaz Leal.
Dixen que a política é unha actividade que se vive con intensidade e que unha vez que finaliza adóitalle traer dificultades a quen non veñen da función pública e que para moitos ex políticos non resulta fácil adaptarse a unha vida laboral ordinaria.
Tambien falamos dunhas manifestacións de Rajoy de que non descarta volver presentarse a unhas eleccións, asegurando que «a limitación de mandatos é propia de sistemas presidencialistas e non dos representativos, como o noso».
Dixen que certamente a limitación de mandatos, aínda que legalmente non exista vén definida polas urnas que se encargan de excluír a uns e incorporar a outros á vida pública e que é un pouco lamentable ter que prescindir de bos xestores á fronte de concellos, deputacións, gobernos autonómicos ou nacional, por unha limitación legal.
Lembrei como Angela Merkel opta a un cuarto, Blair gobernou dez anos, Helmut Kohl dezaoito, e ninguén cuestionou o carácter democrático das institucións alemás ou británicas.
Finalmente falamos da toma de posesión do novo presidente de Estados Unidos, Donald Trump e das súas primeiras declaracións. Dixen que estaba preocupado posto que as decisións do presidente de EEUU son moi importantes para os estadounidenses, pero tamén -porque é a primeira potencia mundial- para o conxunto dos cidadáns do mundo incluído España.
Somos socios e aliados e necesitamos manter unhas novas relacións, así que expresei o meu desexo de que a realidade da acción de goberno e o sistema de cotrapoderes dos EEUU conduza a un mellor entendemento.
Recibirá resposta
Recibirá resposta