martes, 21 de febrero de 2017

O mercado de traballo de Valdeorras acumula unha creación neta de emprego do 3,9%, co que pasa a formar parte das catro áreas ourensás con maior velocidade de recuperación

O 5 de decembro de 2012  daba conta nunha entrada deste blog, que o día anterior no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar presentaba o primeiro estudo do Observatorio Económico Ourensán, que nacía según diciía para axudar a definir estratexias "para reimpulsar a economía provincial" e  que o coñecemento "constitúe o mellor xeito de achegar solucións para os problemas individuais dos cidadáns e para as dificultades colectivas da sociedade".

Catro anos despois debo salientar o bo facer deste Observatorio que nestes días está presentando informes comarcais.

Hoxé o presidente do goberno provincial Manuel Baltar, participaba no Barco de Valdeorras na presentación do Observatorio Económico Ourensán referido ás comarcas de Valdeorras e de Trives, acompañado polo profesor da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, Andrés Mazaira, e polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e ao que asistiron representantes institucionais, empresariais e sociais destas comarcas.

O estudo reflicte que o mercado de traballo de Valdeorras acumula unha creación neta de emprego do 3,9%, co que pasa a formar parte das catro áreas ourensás con maior velocidade de recuperación, a un ritmo do 2% por ano. As 8.079 afiliacións que contabilizaba a finais de 2016 constitúen ademais o primeiro peche anual desde 2011 no que supera a barreira dos 8.000 empregos.

Baltar explicou que Valdeorras “impulsa o 8,1% dos postos de traballo existentes na provincia”, practicamente a mesma proporción que presentaba hai cinco anos (8,3%), e subliñou que catro dos nove concellos valdeorreses “son actualmente xeradores de emprego”.

En termos absolutos, O Barco e A Rúa foron os principais impulsores de novo emprego durante o ano pasado, cun saldo conxunto de 150 afiliacións netas. A cabeceira comarcal asinou un crecemento interanual do 1,9% e A Rúa do 4,2%. Tamén houbo subida en Larouco (2,5%). Pola súa banda, A Veiga repetiu peche anual de afiliacións (244). Mentres, todos os descensos foron febles ou moderados, e variaron entre o -0,2% de Vilamartín de Valdeorras e o -1,7% de Rubiá. O Barco concentra o 56,2 % do emprego comarcal, case dous puntos porcentuais máis que a comezos de 2011 (54,4 %).

No que atinxe á comarca de Trives, o Observatorio reflicte que creou un 2,3% de emprego neto no cómputo de 2016, a terceira mellor marca da provincia. Entre 2012 e 2016, a principal característica deste mercado laboral foi a estabilidade; o cómputo anual das afiliacións moveuse sempre nun rango inferior a 30 de variación. A comarca ten un peso relativo do 1,38% sobre o total do emprego ourensán, a segunda ponderacións máis feble, só con vantaxe sobre Terra de Caldelas (0,9%). A boa nova é que a pesares do descenso poboacional, o peso relativo de Trives non empeorou en comparación con 2011 (1,39%).

Por concellos aprécianse fortes contrastes na evolución das afiliacións. Así, mentres San Xoán de Río anotou en 2016 un alza do 10,4% e Pobra de Trives liderou as subidas entre todas as cabeceiras comarcais cun repunte do 4%, Manzaneda perdeu o 3,6% e Chandrexa de Queixa o 0,6%. A ponderación de Pobra de Trives sobre o total comarcal está no 53,3%.

Pulo na Rúa e na Veiga

Andrés Mazaira explicou que co novo enfoque que engade o Observatorio, centrado nas afiliacións e tendo en conta o lugar no que se atopa a conta de cotización das empresas e dos centros de traballo -con independencia do empadroamento do traballador-, A Rúa, A Veiga e Pobra de Trives son claramente os motores do novo emprego nestas dúas comarcas.

En Valdeorras, A Rúa foi quen de pechar 2016 cunha creación neta de 51 empregos, co que o seu mercado local medrou nun 4,2%, e A Veiga xerou 32, cunha impoñente taxa de variación interanual do 14,5%, no que o Observatorio Económico interpreta como a mellor confirmación das posibilidades reais do turismo de natureza e do aproveitamento dos recursos naturais. O Bolo sumouse ás subidas, ao engadir un 9% de novo emprego no último ano.  En senso contrario, os centros do Barco de Valdeorras perderon 40 afiliacións netas (descenso do 1,1%). O saldo conxunto da comarca é dunha lixeira subida do 0,6%.

En Terras de Trives salientan os 20 empregos netos creados por Pobra de Trives (incremento do 4,1%). O contrapunto estivo nos 11 postos (-5,3% do total) que perdeu Manzaneda. O balanzo comarcal é dunha recuperación laboral do 1,9%.

Desde outra variable, a análise sobre a evolución do paro comeza por identificar Valdeorras como a única comarca ourensá, xunto con Terra de Caldelas, que principiou 2017 restando parados. En 2016 anotou un recorte do 10,3%, pero grazas á baixada de xaneiro, neste mes a taxa interanual avanzou ata o -13%. O ano pasado houbo descensos en todos os concellos agás en Petín (4,3%), con cinco baixadas a dobre díxito, lideradas por Carballeda de Valdeorras (-21,7%) e A Rúa (-19,2%). Tamén destacou a boa evolución do paro no Barco de Valdeorras (-12,7%).

Trives logra un recorte interanual do paro superior ao 16%, e ademais faino con descensos a dobre díxito nos seus catro concellos.

Menos envellecemento en Valdeorras

A poboación da comarca do Valdeorras situábase nos 26.531 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, cun retroceso interanual do 0,86% (0,25 puntos por debaixo do decrecemento poboacional observado no conxunto da provincia). Na comparativa co ano 2000, o descenso é do 8,68%, fronte ao 8,80% provincial. A comarca valdeorresa, na que reside o 8,43 % da poboación provincial, mantén practicamente o peso relativo que tiña en termos poboacionais no ano 2000.

Cunha idade media de 48,5 anos, Valdeorras é xunto coa comarca de Ourense a única da provincia que baixa dos 50 anos. A taxa de envellecemento presenta unha relación de 258 habitantes de 65 ou máis anos por cada 100 menores de 16 anos.

Na cabeceira comarcal, O Barco de Valdeorras, cunha poboación de 13.761 habitantes en xaneiro de 2016, localízase o 51,3% do total da comarca. É o único concello que amplía o seu peso relativo en termos da poboación comarcal. No ano 2000 concentraba o 43,95% e no 2010 o 48,07%.

Polo que respecta a Terras de Trives, o descenso poboacional é máis marcado. A 1 de xaneiro do 2016 contabilizaba 4.227 habitantes, cun retroceso interanual do 2,78%. A fenda chega ata o 22,49% se facemos a comparación coa poboación existente no ano 2000. Nesta comarca reside o 1,34% da poboación ourensá. O seu peso demográfico sobre o conxunto da provincia baixou 1,01 puntos desde o ano 2000.

Cunha idade media de 55,8 anos, a taxa de envellecemento (relación entre a poboación de máis de 65 anos e a de menos de 16) dispárase ata 646,60.

Terras de Trives presenta un grao de concentración na súa cabeceira comarcal case idéntico ao que se observa en Valdeorras. O municipio de Pobra de Trives absorbe o 51,83% da poboación da comarca, fronte ao 47,71% que rexistraba no ano 2000. A cabeceira e o concello de Manzaneda gañaron peso relativo poboacional no período 2000-2010.

Parabens á Deputación pois estos datos suministrados porlo Observatorio son de suma utilidade para abordar políticas económicas de desenvolvemento.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta