viernes, 10 de febrero de 2017

Unha estratexia para impulsar en Galicia o colectivo dos autónomos

Saliento o  anuncio que onte facía o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello, relativa a posta en marcha da Estratexia autónomo 2017-2020, cunha achega total de 160 millóns de euros -40 millóns por ano-, para apoiar a máis de 10.000 traballadores en cada exercicio orzamentario. Unha iniciativa que se pon a funcionar xa, con 20 millóns de euros en axudas para o establecemento como autónomo e para a contratación indefinida.
Feijóo avanzou que esta estratexia ten como obxectivos fundamentais: que Galicia sexa a comunidade na que sexa máis barato facerse autónomo; incentivar as contratacións para converter os empregados temporais en fixos; impulsar plans de mellora nos negocios; impulsar a formación; simplificar os trámites; facilitar o relevo xeracional, e ampliar en 16 semanas adicionais a bonificación para conciliar tras unha baixa por maternidade ou paternidade.
Facilitar o nacemento dun autónomo:
No tocante ao compromiso de converter Galicia na autonomía na que sexa máis barato ser autónomo, Feijóo anunciou a ampliación a 12 meses máis da tarifa plana do Estado, co obxectivo de que este colectivo abone só 50 euros durante os primeiros 18 meses desde a súa constitución. Esta medida terá prioridade para os menores de 30 anos.
Tamén, desde refórzase o programa de apoio ao establecemento como autónomo no que, ademais da contía base inicial de 2.000 euros (ampliables a 4.000 euros para os menores de 30 anos), este ano non será preciso achegar un investimento inicial.
Crecer e conciliar: 
Para aqueles autónomos que queren ser máis competitivos ou ampliar a actividade, o Goberno galego activa desde hoxe as axudas á contratación indefinida, pasando de 4.000 a 5.000 euros para o primeiro traballador contratado, e de 5.000 a 6.000 euros para o segundo e terceiro. E porase ademais en marcha por primeira vez na Comunidade un Bono autónomo de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade, “para aquelas actuacións que melloren a posición no mercado”.
Sobre este punto, Feijóo precisou que deste cheque poderán ser beneficiados os traballadores cunha antigüidade de máis de 42 meses e cunha facturación inferior aos 30.000 euros. A axuda, coa que se prevé chegar a 1.000 persoas ao ano, deberá empregarse en servizos dirixidos a mellorar os negocios.
O responsable do Goberno galego subliñou que o documento inclúe tamén a decisión de ampliar en 16 semanas máis (16+16) a bonificación para conciliar no caso de maternidade e paternidade. “É dicir, as nais ou pais que esgoten a baixa das 16 semanas iniciais, financiadas polo Goberno central poderán acollerse a outras 16 semanas adicionais, financiadas pola Comunidade. Terán a mesma axuda para asumir o 100% das cotas á Seguridade Social e durante este período poderán contratar a outra persoa”, precisou, ao que engadiu que estas axudas serán compatibles cos incentivos previstos para a contratación.
Relevo xeracional:
Co obxectivo de favorecer a continuidade de negocios, a Xunta abrirá a todos os autónomos o Programa de relevo xeracional que ten posto en marcha para o comercio desde 2014.
Outras medidas que contempla esta estratexia é a creación da Oficina do Autónomo que se converterá nun espazo de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde os traballadores poderán consultar toda a información sobre axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese. E a posta en marcha dun programa específico de formación para este colectivo, co obxectivo de contribuír á mellora e adaptación aos novos tempos.
Cómpre salientar que en todos os programas de axudas as contías base incrementaranse nun 25% para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, unidades familiares na que todos os seus membros están en paro e no caso de que o centro de traballo estea nun concello rural.
Así mesmo, a estratexia potenciará a Responsabilidade Social Empresarial, desenvolverá un servizo de estudos de mercado para identificar as oportunidades de negocio, impulsará un programa de difusión para visibilizar o papel do emprego autónomo, e simplificará e implantará novos procedementos na sede electrónica.
Os autónomos poderán tamén beneficiarse dos apoios financeiros do Igape, da Rede de Aceleradoras de Espazos Coworking, de programas específicos de recoñecementos médicos e de prevención de riscos laborais, dos servizos TIC e das axudas para promover a colaboración entre autónomos ou para a súa incorporación como socios en iniciativas en marcha.

Feijóo concluíu destacando que todas estas medidas están orientadas a impulsar e fortalecer este colectivo. Non en van, Galicia é a comunidade na que o emprego autónomo ten un maior peso relativo, con case 230.000 autónomos, 1 de cada 4 afiliados á Seguridade Social en Galicia.