viernes, 24 de marzo de 2017

Aprobado pola Xunta un Plan de fixación de poboación no rural, creador de novas oportunidades e xerador de emprego

Saliento nesta entrada un feito moi importante: onte o Consello da Xunta procedeu  a aprobación do Plan de fixación de poboación no rural. Un plan dotado con 230 millóns de euros ata 2020 e con 23 medidas específicas encamiñadas a xerar novas oportunidades que permitan poñer en valor 330.000 hectáreas, para o seu aproveitamento agrogandeiro e forestal, e a creación de 3000 novos empregos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, logo de subliñar que é a primeira vez que se agrupan nun único documento todas as medidas encamiñadas a xerar novas oportunidades no rural, fixo fincapé en que este plan ten como obxectivos procurar a cohesión territorial; apoiar diferentes modelos de negocio no rural; o desenvolvemento territorial equilibrado; e a creación e conservación do emprego.
Máis polo miúdo, Feijóo subliñou que as 23 medidas que integran este plan agrúpanse en seis grandes eixos: cohesión territorial, innovación e formación, agricultura sustentable, mellora da competitividade, remuda xeracional e cooperación.
Os eixos de actuación do plan:
No eido da cohesión territorial, o plan destinará 72 millóns de euros a fomentar a reordenación das parcelas e impulsar as infraestruturas agrícolas. Así, Feijóo precisou que o Goberno galego actuará en arredor de 650 quilómetros de camiños municipais para mellorar a rede viaria existente no medio rural, facilitar a accesibilidade a predios e explotacións agrarias e forestais, así como a núcleos de poboación. No tocante á reestruturación parcelaria, pecharanse administrativamente os 130 procesos abertos agora mesmo e que afectan a 92.000 propietarios, o que supón unha reordenación de máis de 117.000 hectáreas.
Así mesmo, a Xunta traballará na creación dunha Unidade de asesoramento e xestión de explotacións agrarias para aproveitar os activos das explotacións agrarias ou cárnicas que finalicen a súa actividade. Impulsaranse actividades non agrícolas, que fortalezan e diversifiquen a economía rural, seguirá en vigor o programa Leader, e apostarase cadeas curtas de distribución, para impulsar a comercialización dos produtos agrícolas en mercados de proximidade.
Para a innovación e formación destinaranse máis de 10 millóns de euros, co obxectivo de apostar polo I+D+i como vía de presente e de futuro. Crearanse grupos innovadores que dean solución a problemas concretos nos seus sectores e impulsaranse as súas iniciativas así como os proxectos piloto presentados por empresas, cooperativas e outras entidades.
O plan contempla tamén a difusión de novas tecnoloxías, métodos de cultivo e técnicas de producións a través de demostracións en explotacións, feiras ou soportes impresos ou electrónicos; cursos de formación continua en materia agropecuaria ou forestal e estadías de ata un mes en explotacións agrarias doutros países da UE (Erasmus agrarios).
Coa finalidade de acadar unha unha agricultura sustentable, esta iniciativa destinará 35,5 millóns de euros a fomentar a agricultura ecolóxica, premiar prácticas agrícolas máis respectuosas co medio ambiente e apoiar aquelas explotacións situadas en zonas cunha orografía máis complexa.
Sobre á mellora da competitividade, Feijóo destacou que se destinarán máis de 40 millóns de euros a potenciar as novas tecnoloxías de transformación e comercialización de produtos agrarios, impulsando por exemplo a certificación da calidade; e a investir en tecnoloxías forestais que aumenten a eficiencia, como equipos e instalacións móbiles de procesamento da madeira deseñadas para ser desprazadas ás inmediacións da área de corte.

Para garantir a remuda xeracional destinaranse 65 millóns de euros para investimentos en explotacións agrícolas e o fomento de creación de empresas para desenvolver pequenas explotacións. 
E para impulsar a cooperación, o uso de maquinaria en réxime asociativo e a utilización de equipamentos en común, empregaranse sete millóns de euros.