lunes, 20 de marzo de 2017

En Radio Voz falando da RISGA e da estabilidade gubernamental

Participo hoxe no faladoiro de Radio Voz, que dirixe Antía Díaz Leal, compartindo micrófono con Carme Adán e Ricardo García Mira.
Falamos en primeiro lugar do último informe do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociales e Igualdade sobre rendas mínimas de inserción que revela que en Galicia a taxa de cobertura do RISGA incrementouse nun 0,68 por mil entre os anos 2014 y 2015, pasando dun 4,39 a un 5,07 por mil. Esta taxa de cobertura sitúa a Galicia no posto 11º, en lugar do 9º no que se encontraba en 2014.

Dixen que esta baixada de dous postos explícase no feito de que Galicia presenta un maior envellecemento que outras CC.AA, con máis poboación por riba dos 65 anos de idade. Trátase dun grupo de poboación significativo que non tería acceso á RISGA por razón de idade, sen embargo estase a computar no grao de cobertura que presenta o informe.

Por outra parte, entre 2014 e 2015 aumentou nun 14,72% o número de persoas perceptoras da RISGA. En consecuencia, o orzamento destinado a esta renda incrementouse tamén nun 14% para dar resposta á demanda.

Por último, e no que atinxe ás contías da RISGA, a mínima sitúase en 399,38 euros ao mes, por debaixo da medida para o total do Estado, establecida no 2015 en 435,80 euros. A contía máxima, pola súa parte, son 718,89 euros ao mes, e neste caso sitúase por riba das contías máximas das prestacións mínimas en España, que estaba nese ano en 671,54 euros.

Dixen que a Xunta mantivo como prioridade blindar o gasto social durante os peores anos da crise, por iso neses anos dedicou 8 de cada 10 euros do Orzamento a gasto social. E agora, coa recuperación económica, estase a reforzar estas partidas porque queremos que a recuperación chegue a todos os galegos.
 
É por iso que neste 2017 o gasto social da Xunta aumenta en 229 millóns de euros, cun importante reforzo dos fondos destinados a atender a persoas con dependencia
, máis axudas para vítimas de violencia de xénero, incrementamos a RISGA e adicamos máis recursos para reforzar a sanidade e a educación pública

Falei de que recentemente o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo un encontro cos representantes da Rede Galega contra a Pobreza , no que valoraron os retos e propostas da nova lexislatura para avanzar cara á eliminación da pobreza e da exclusión social.
E que nesta liña, Rey Varela explicoulles que o departamento autonómico está a retomar o contacto directo coas entidades para avanzar na Axenda Social aprobada pola Xunta de Galicia o ano pasado. E trasladoulles a intención do seu departamento de impulsar neste ano un novo decreto da Lei de Inclusión (RISGA), e adquiriu o compromiso de avanzar na coordinación entre a administración autonómica e esta entidade.
Dixen que a Axenda Social Única de Galicia comprende medidas de apoio á renda, como poden ser a RISGA, as Axudas de Inclusión Social, ou as Axudas de Emerxencia Social e Complementarias entre outras que dependen da Consellería de Política Social.
Así mesmo, tamén recolle medidas de abordaxe da pobreza enerxética como o tícket eléctrico e o programa para evitar cortes de subministro eléctrico implantado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
E as medidas de atención á inclusión residencial tamén forman parte de Nova Axenda Social e nelas enmárcanse, entre outros, programas como Reconduce ou Aluga e o Bono de Aluguer Social (estes dous últimos dependentes do Instituto Galego de Vivenda e Solo).
A Axenda tamén inclúe outra serie de iniciativas dirixidas á promoción de programas e proxectos de Inclusión Social; medidas de atención á Dependencia como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF); accións de abordaxe da pobreza infantil; o apoio á contratación de persoal especializado para os servizos sociais e municipais e o reforzamentos destes equipos; e medidas dirixidas a entidades de iniciativa social e de colaboración con outros axentes.
Rematei dicindo que os datos de pobreza e risco de pobreza en Galicia son mellores que no resto de España. Así, a taxa AROPE na nosa Comunidade está tres puntos por debaixo da media estatal: o 25,7% fronte o 28,6%.
En calquera caso compre seguir traballando entre todos para instaurar unha rede de protección para as persoas que o están pasando mal, xa que mentres unha soa persoa estea en risco de pobreza ou exclusión non poderemos estar satisfeitos.
Tamén falamos das declaracións do presidente do Partido Popular e do Goberno este fin de semana nas que Mariano Rajoy, destacou a importancia da estabilidade política, e asegurou que o seu obxectivo é chegar ao final da lexislatura e que fará todo o posible, e o imposible se se pode facer, para que sexa así.
Resaltei que os populares temos interiorizado que nas últimas eleccións os españois pediron tres cousas: a primeira, seguir traballando para consolidar a recuperación e que haxa máis crecemento e máis emprego; en segundo lugar, máis diálogo e máis acordo, hai que pactar para gobernar; e en terceiro lugar que queremos unha España máis unida.   
Resaltei os acordos importantes que xa alcanzamos co PSOE e con outras forzas políticas (salario mínimo, teito de gasto, lei de educación, desafiuzamentos, etc.) e que a todos corresponde unha parte de responsabilidade para defender o interese xeral.
Finalmente sobre a votación da estiba da pasada semana dixen que non é admisible que una das nacións máis importantes da Unión Europea vote en contra da sentenza dun tribunal europeo. 
Dixen que non se pode, para castigar ao Goberno, romper as regras do xogo das institucións europeas e xogar con cousas que afectan o crédito do país e que logo custa moito recuperar.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta