sábado, 11 de marzo de 2017

Feijóo: “Hoxe sabemos que o respaldo da xente se obtén estando coa xente”

Asisto hoxe en Santiago á Xunta Directiva que o Partido Popular de Galicia, celebrou esta mañá, na que interviron Diego Calvo, Ana Pastor, Miguel Tellado e Alberto Núñez Feijóo.
Durante a súa intervención Feijóo, pediu ao seu partido a mesma proximidade cos cidadáns coa que lograron gañar as eleccións nos anos 2009, 2012 e 2016 para poder recuperar o poder local nas vindeiras eleccións municipais de 2019.

Segundo asegurou, o obxectivo é consolidar a confianza que lles deron nas pasadas autonómicas alí onde llela retiraron en 2015. Deste modo, incidiu en que a obriga dos populares é darlle a todos eses galegos un proxecto ilusionante en cada concello, que lles permita confiar maioritariamente no PPdeG no ámbito municipal coa mesma intensidade que o fixeron no eido autonómico.
Hoxe sabemos que o respaldo da xente se obtén estando coa xente”, dixo mentres lembraba o éxito do Faladoiro que o levou o pasado verán por distintos concellos de Galicia. Feijóo definiuno como o comezo dunha actitude que non se pode perder e baseada en darlle tanta importancia aos aforos multitudinarios como a conversa “de ti a ti”, xa que, tal e como sinalou, é esencial saber escoitar ao pobo galego con humildade.
 RENDER CONTAS
 Feijóo manifestou que o PPdeG non é un proxecto individual, senón un éxito colectivo, por iso o seu deber é explicar o que se está facendo co apoio que o partido deu ao Goberno autonómico. O presidente engadiu que “hai que render contas ante quen nos apoiou” e máis despois do reto de gañar os pasados comicios autonómicos, agradecendo o respaldo dos populares.

De igual xeito, tamén puxo en valor a lección que o partido deu tralos resultados das eleccións municipais de 2015, cos que se daba por perdida a maioría absoluta. Nese sentido, Feijóo destacou que, lonxe de renderse ou dividirse, uniuse máis.

OS RESULTADOS DO TRABALLO 

No seu discurso, o presidente destacou que “o pobo galego pediu estabilidade, e o pobo galego ten estabilidade”. Así, remarcou sentirse orgulloso de que no menor tempo posible o Goberno autonómico foi capaz de dotar á nosa terra duns orzamentos que reflicten que a economía continúe crecendo e que o paro siga baixando.
 “Consolidar o progreso de Galicia e incrementar o benestar dos galegos. Eses son os grandes obxectivos da comunidade”, subliñou Feijóo ao tempo que salientaba que “os galegos nos pediron resultados”. Respecto a isto, indicou que moitos deles xa os puideron percibir durante os primeiros meses de xestión grazas a medidas como a exención de impostos para mozos, familias numerosas ou persoas con discapacidade que adquiran unha vivenda habitual en parroquias pouco poboadas; o pago a provedores nunha media de 10 días; o aumento dos ingresos para as máis de 100.000 familias que forman os empregados públicos ao volver percibir o complemento específico das pagas extra; ou o desbloqueo a todas as infraestruturas hospitalarias pendentes e o avance das obras que xa estaban en marcha.
Por outra banda, o líder do PPdeG tamén salientou as medidas tomadas nos primeiros 100 días de lexislatura como as destinadas aos galegos que acaban de nacer, sinalando a ampliación da Tarxeta Benvida, a apertura de novas escolas infantís públicas, a previsións de 30 novas casas niños no rural para este ano, ou as melloras no programa de vacinación infantil. Xa para os galegos que están estudando, fixo fincapé na aposta polo plurilingüismo coa bonificación das taxas da Escola Oficial de Idiomas, na aprobación do proxecto Escolas Conectadas, na inclusión de materias como Programación e Robótica, ou na adaptación e mellora da oferta de titulacións universitarias; e no tocante aos nosos maiores, destacou a planificación de sete novas residencias públicas nas cidades e que temos unha ratio mellor á media nacional na atención á dependencia.
Feijóo tampouco esqueceu aos cidadáns con maiores dificultades, recalcando decisións tomadas nestes primeiros meses de Goberno como as melloras no Bono de Alugueiro Social, os avances na tramitación de 2.800 vivendas sociais novas, as plantillas reforzadas nos servizos sociais dos concellos, o complemento das pensións non contributivas, ou o aumento nas axudas para as vítimas de violencia de xénero.
A XESTIÓN COMO MELLOR AVAL

A gran vantaxe que temos fronte aos nosos adversarios políticos é que nós podemos reivindicar a nosa xestión”, afirmou Feijóo explicando que nela teñen o seu mellor aval.
Nese senso, apuntou que, co goberno dos populares, Galicia estase a converter no lugar máis favorable para ser autónomo; agora rexístranse  datos históricos no sector turístico; fomos a primeira comunidade en xestionar as axudas da PAC e estanse xerando máis empresas que nunca no rural; a flota galega ten novas posibilidades cun 20 % máis de cotas e hai máis axudas para pescadores e mariscadores; e estase apostando polo emprendemento e por unha economía innovadora.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta