Esta mañá en Madrid tivo lugar unha reunión da comisión de
seguimento do acordo sobre a estación intermodal de Ourense, co obxectivo de
pechar as cuestións técnicas pendentes para abrir o procedemento administrativo.
Nela participaron a conselleira
de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, o alcalde de Ourense, Jesús
Vázquez, o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel
Niño, e representantes de Adif.
A estación intermodal de Ourense comprende a nova terminal de
autobuses integrada na terminal ferroviaria, un aparcadoiro subterráneo, a
adaptación da estación de ferrocarril e elementos de conexión entre barrios. Ao
tratarse dunha infraestrutura non recollida nas normas urbanísticas en vigor
actualmente en Ourense, as tres administracións acordaron o pasado mes de
febreiro tramitar o proxecto de forma conxunta a través da Lei 3/2016 de
medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.
Esa
norma, aprobada pola Xunta o pasado ano, está destinada a facilitar a execución
de actuacións estratéxicas que non estean recollidas nas normas urbanísticas. A
tramitación a través desa Lei prevé que o proxecto sexa sometido a información
pública e conte cun informe municipal favorable.
A tramitación mediante esta norma fará posible que a estación
intermodal de Ourense conte nun prazo razoable co amparo urbanístico e a
seguridade xurídica necesaria para iniciar a contratación das obras dos
diferentes elementos que a compoñen. En concreto, a Xunta financiará o 100% da
nova estación de autobuses e case o 70% do aparcadoiro subterráneo.
Nesta
reunión a Xunta, o Concello de Ourense e o Ministerio de Fomento acordaron
iniciar esta mesma semana a tramitación urbanística conxunta do proxecto da
estación intermodal de Cidade das Burgas.
Esta decisión supón dar un salto adiante de importancia no
impulso desta infraestrutura estratéxica, situándose nun estado de tramitación
similar ao das estacións intermodais de Vigo e Santiago de Compostela.
Proximamente,
presentarase en Ourense o deseño conxunto desta actuación estratéxica para a
cidade.