Onte en Santiago de Compostela foi presentado por FUNCAS (unha
institución de carácter privado, sen ánimo de lucro, creada e financiada pola
CECA dentro da súa Obra Social) o "Informe de maio sobre as Previsións económicas para as comunidades autónomas
2017".
Nun acto presidido por Alberto Núñez Feijóo e no que interveu tamén o
director xeral de Funcas, Carlos Ocaña.
Segundo este estudo, a
economía española crecerá este ano un 2,8%, o que supón unha desaceleración
menos acusada do esperado respecto de 2016,
que revisou á alza tres décimas a súa previsión de crecemento de PIB para 2017
polo comportamento dos distintos indicadores no primeiro trimestre do ano e
unha evolución máis favorable do previsto dos mercados internacionais.
As exportacións acelerarán o seu crecemento polo que a achega do
sector externo ao PIB alcanzará o 0,5%, dúas décimas máis que na anterior
previsión. Ademais, prevese un maior dinamismo do esperado no consumo privado,
por iso é polo que tamén se revisou á alza a contribución da demanda nacional,
ata o 2,3%, unha décima máis do estimado inicialmente.
A pesar de todo, Funcas
espera un enfraquecemento da economía especialmente durante a segunda parte do
ano polo impacto do repunte da inflación na renda real dos fogares, que á súa
vez se trasladará ao consumo privado, e polas expectativas de que a prórroga
dos Orzamentos Xerais do Estado (á espera da aprobación de novos orzamentos)
afecte o consumo das administracións e o investimento público.
En canto ao emprego,
Funcas prevé a creación de preto de 450.000 postos de traballo este ano, o que
permitirá reducir a taxa de paro en 2,1 puntos porcentuais, ata o 17,5%, o
nivel máis baixo desde 2008. Como consecuencia da favorable evolución da
economía, o déficit reducirase, aínda que probablemente non o suficiente para
alcanzar o obxectivo do 3,1% do PIB.
Neste contexto de moderada desaceleración, Madrid, Baleares,
Cataluña e Galicia son as catro CCAA que máis crecerán este ano, por encima da
media nacional.
No caso das tres primeiras, os crecementos superarán ou
igualarán a barreira do 3%, destacando Madrid como a rexión máis dinámica cun
incremento esperado do PIB do 3,3%.
As CCAA con maior ritmo de crecemento caracterízanse polo seu
potencial exportador e veranse especialmente beneficiadas pola mellora das
perspectivas para a economía mundial. Ademais, contan cunha situación fiscal
favorable, o que lles outorga marxe para apoiar a demanda e a actividade. Pola
contra, as rexións que teñen axustes pendentes presentan menores taxas de
actividade. É o caso de Estremadura e Asturias, cuxo PIB crecerá o 1,9% e o 2%,
respectivamente, este ano.
En Galicia para 2017 prevese por FUNCAS unha desaceleración dunha magnitude en liña coa media nacional, de modo que seguirá crecendo por encima desta, un 2,9%, sendo unha das catro comunidades cuxa taxa de crecemento superará o 2,8% previsto para España. A súa taxa de paro estímase en torno ao 15,6% para 2017, un resultado que mellora a media nacional.
En Galicia para 2017 prevese por FUNCAS unha desaceleración dunha magnitude en liña coa media nacional, de modo que seguirá crecendo por encima desta, un 2,9%, sendo unha das catro comunidades cuxa taxa de crecemento superará o 2,8% previsto para España. A súa taxa de paro estímase en torno ao 15,6% para 2017, un resultado que mellora a media nacional.
Na súa intervención, o presidente Feijóo atribuíu as expectativas do
informe Funcas a que Galicia segue este ano a mesma senda de estabilidade, de
internacionalización económica e de investimento público que ata agora. Non en
van, os orzamentos deste ano son case un 3% máis elevados que en 2016, con máis
de 9000 millóns de euros; aumenta en 300 millóns de euros a capacidade de gasto
da Xunta; e os obxectivos volven estar na creación de emprego, nas baixadas de
impostos centradas no rural, na redución do déficit, no gasto social e na
oferta de ata 3000 prazas públicas de emprego.
Así
mesmo destacou que, por cuarto ano consecutivo, Galicia bateu o seu récord
exportador ao superar por primeira vez en 2016 os 20.000 millóns de facturación
e as 6700 empresas exportadoras; cun volume de vendas un 34% maior que hai 8
anos; e ao ser en 2016 a segunda comunidade coa mellor balanza comercial.
“E
2016 foi tamén un ano de récord para o turismo, xa que chegaron ata a
Comunidade galega case cinco millóns de viaxeiros, un 7,4% máis que en 2015. E
Galicia, seguindo a senda do rigor, volveu cumprir, ao reducir o déficit ao
0,54%, é dicir, por debaixo do límite do 0,7% establecido polo Goberno
central”, abundou, insistindo en que o Goberno galego seguirá mantendo a
estabilidade e apostando pola internacionalización e polo investimento público.
“Estes serán os tres eixes da nosa política económica”, afirmou.
Feijóo
concluíu facendo fincapé en que o feito de que as previsións se cumpran ou non
dependerá, en gran medida, do xeito en que a economía galega consolide as bases
do seu futuro, con máis internacionalización, máis innovación, máis
emprendemento e máis emprego.
E,
nesta liña, garantiu que Galicia terá ao seu carón un Goberno comprometido con
poñer os medios e o marco de estabilidade necesario.