Hoxe en rolda de prensa o portavoz do Grupo Popular
no Parlamento de Galicia, Pedro Puy afirmou “Que sexamos a segunda comunidade
autónoma con maior investimento per cápita, moi por enriba das comunidades
catalá e vasca, quere dicir que Galicia está tratada razoablemente nos orzamentos”.
Cuestionado sobre as melloras en
infraestruturas ferroviarias negociadas polo PNV para o País Vasco nos
orzamentos do Estado, Puy lembrou que na actualidade nesta comunidade autónoma
non existe AVE nin tampouco a Y ferroviaria vasca, mentres que “o equivalente
en Galicia xa existe e está funcionando entre A Coruña, Vigo e Ourense”.
“Pactaron unha chegada do AVE ao País Vasco para tres ou catro anos despois que
en Galicia”, subliñou.
“Non teño a máis mínima información sobre
o retraso das obras do AVE como consecuencia do acordo co PNV para os
orzamentos do Estado, polo que non hai motivo para pensar que iso vai afectar
ao AVE a Galicia”, manifestou o portavoz popular, quen avogou porque “o mellor
será que os orzamentos se aproben e que se executen”.
Así mesmo, explicou que “estanse mesturando
dúas cuestións diferentes: os investimentos do Estado e o cupo vasco, que está
relacionado co financiamento autonómico”; e lembrou que o Goberno central “decidiu
que as comunidades autónomas ían ter este ano unha cantidade de recursos
económicos importante a maiores, que no caso de Galicia ascende a 400 millóns
de euros, como anunciou a propia vicepresidenta do Goberno”.
Desde un punto de vista político, Puy
considerou chamativo que “o PSOE, a quen se lle ofreceu ser o interlocutor
principal para a negociación dos orzamentos e con quen se chegou a aprobar o
teito de gasto, non quixera entrar na negociación e agora se queixe de que os
acordos se fixeran con outros grupos que foron máis responsables”.
Neste sentido, demandou “coherencia”
tanto a socialistas como a En Marea porque “levan anos arelando a desaparición
das maiorías absolutas porque iso obrigaba a pactos entre as forzas políticas;
e non se pode criticar unha cousa e a súa contraria”. “Criticaban que o PP non
pactaba e agora que pactamos, que teñan algo que dicir máis aínda cando eles
mesmos se autoexcluíron das negociacións” sinalou.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta