Anunciaba onte o presidente da Xunta,
Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello que Galicia volverá ser o
próximo curso 2017/18 a comunidade de España cos prezos de matrícula
universitaria máis baixos.
“Galicia é a comunidade onde é máis barato estudar
unha carreira e queremos que o siga sendo”, dixo, lembrando que “levamos
conxelando as taxas todos os anos desde que chegamos ao Goberno, na súa
totalidade ou na primeira matrícula”.
Así, no caso dos graos universitarios,
subliñou que o prezo medio das primeiras matrículas de grao -que representan o
78 % do total- mantéñense en 11,89 euros/crédito, o máis baixo de España e
menos da metade dos 25,14 euros de comunidades como Cataluña. E, no caso dos
máster os prezos son os segundos máis baixos, cunha media de 26,49 euros, 11
euros/crédito menos que a media nacional e moi lonxe dos 65,87 euros/crédito de
Cataluña.
“E hoxe, volvemos manter as taxas das
Universidades públicas galegas como as máis baixas de España porque estamos
convencidos de que é o xusto: para os estudantes, que deste xeito non terán que
quedar fóra do ensino universitario por causas que non sexan puramente
académicas; e para Galicia, porque así garantimos que os títulos universitarios
se obteñan en función do talento e o esforzo de cadaquén, non da súa renda
familiar”, abundou.
Durante a súa intervención, Feijóo
salientou que esta iniciativa forma parte dun paquete de medidas de apoio aos
estudantes universitarios, xa que ademais da conxelación das taxas tamén se
convocará un ano máis a liña de axudas para o inicio e continuación de estudos,
dirixida a quen non cumpriran os requisitos académicos adicionais esixidos polo
Ministerio.
Así mesmo manterase a convocatoria das
axudas dirixidas a cubrir as causas imprevistas que poidan afectar á
continuación de estudos universitarios. E convocarase tamén como a liña
específica de axudas para o inicio de estudos de máster dirixidas a persoas en
situación de desemprego.
O presidente da Xunta concluíu salientado que a conxelación das taxas
universitarias permitirá a cada familia galega cun fillo estudante dun grao
aforrar 350 euros ao ano, e 660 euros anuais no caso das familias con fillos
estudantes de máster. “Tendo en conta que cada grao dura catro anos, estamos a
falar dun aforro de arredor de 1.400 euros durante a traxectoria universitaria
de cada un dos seus fillos”, abundou.