Onte tivo lugar o XI plenario da Comunidade de Traballo XI Galicia-Norte
de Portugal
Na clausura, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,
confiou en que, grazas ao esforzo compartido nesta Comunidade de Traballo,
o Cumio Ibérico do vindeiro 29 de maio sente as bases dunha Eurorrexión máis
competitiva, máis innovadora e sobre todo máis unida.
Feijóo avanzou que
ambas as rexións xa trasladaron aos seus respectivos gobernos unha lista de
demandas conxuntas en distintos eidos.
Así, en relacións ás emerxencias, o responsable do Executivo
autonómico destacou a necesidade de definir un plan territorial de emerxencias
transfronteirizas, que identifique os riscos, defina plans de actuacións e dea
resposta conxunta baixo un mando único.
No eido
medioambiental, conscientes de que o cambio climático non coñece de fronteiras,
Feijóo trasladou o apoio da Eurorrexión á creación dun foro de intercambio de
información meteorolóxica e climática e mesmo operativa e institucional. E, en
relación á investigación, subliñou o interese por potenciar o papel do
Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, en Braga, “un campo con
moito futuro”; así como a posibilidade de lanzar convocatorias para financiar
proxectos de investigación conxuntos, de cara a artellar unha oferta única de
servizos de alto valor engadido para o puxante sector da biotecloxía.
Ademais
de avogar por estreitar a colaboración no ámbito sanitario, o responsable da
Xunta engadiu que a Eurorrexión seguirá avanzando na terceira interconexión
gasista entre España e Portugal, que permita enlazar todas as entradas de gas
natural licuado da fachada atlántica ao sistema ibérico.
No eido
turístico, destacou a proposta de mellorar a promoción do patrimonio natural e
cultural compartido, como a reserva da biosfera transfronteiriza do Gerês-Xurés
e o Camiño Portugués a Santiago. E afirmou que Galicia e o Norte de Portugal
traballarán cos gobernos español e portugués, para que haxa unha sensibilidade
especial á reclamación de que a liña ferroviaria de altas prestacións que xa
une Coruña e Vigo se estenda ata Porto.
Competencia
leal e cooperación, liñas da presidencia galega da Comunidade de traballo
Durante a
súa intervención, Feijóo incidiu en que a competencia leal e a cooperación
honesta serán as liñas mestras que guíen a presidencia galega da Comunidade de
Traballo, que asume desde hoxe, para acadar tres grandes obxectivos: avanzar no
artellamento da Eurorrexión a través da mellora das infraestruturas, potenciar
a innovación e o crecemento económico e a dinamización demográfica.
No
tocante ao primeiro obxectivo, o presidente da Xunta referiuse, ademais de ao
AVE, a infraestruturas de transporte como o corredor atlántico da Rede
Transeuropea de Transportes. Unha conexión loxística multimodal que unirá Irún
con Aveiro, “e na que Galicia, e o resto de comunidades do norte de España e a
rexión norte de Portugal temos que estar”, dixo.
Sobre
este punto, afirmou que dende o Executivo galego xa se están a facer as
xestións oportunas co Goberno de España e ante as institucións europeas para
impulsar que, na revisión da Rede Transeuropea de Transportes que se levará a
cabo en 2018, o corredor atlántico entre con forza no noroeste peninsular.
“E temos
que traballar para avanzar tamén nas conexións ferroviarias, poñendo á
disposición dos veciños da Eurorrexión trens de altas prestacións con tempos
competitivos e que nos permitan chegar desde Vigo ata Braga e Porto no contorno
dunha hora”, reiterou, facendo fincapé en que será nese momento cando se poida
falar dun auténtico Eixo Atlántico ferroviario.
No
tocante ao segundo obxectivo, Feijóo perfilou algunhas das claves que poden
impulsar a innovación e o crecemento sustentable da Eurorrexión, entre as que
destacou: a potenciación do comercio de proximidade e promover os vínculos
entre as prazas de abastos; fomentar o intercambio de coñecemento entre as
empresas e os centros tecnolóxicos e de investigación, tanto se se asentan en
Galicia como se están no Norte de Portugal; unir forzas nunha Plataforma Loxística
Operativa conxunta; e afondar nos intercambios científicos e educativos,
poñendo en marcha xuntos unha iniciativa na que Galicia é líder: a compra
pública innovadora.
Por
último, afirmou que a Eurorrexión reclamará sempre ante Europa que a demografía
sexa unha prioridade política que se reflicta nas políticas de cohesión. “A
resposta que deamos ao desafío demográfico perfilará a Europa do futuro. Por
iso, é imprescindible que a Unión teña en conta a situación poboacional ao
configurar os marcos de financiamento e decidir as medidas que tomar”,
aseverou.
Agradecemento
á Rexión Norte de Portugal polo seu traballo nestes tres anos
Feijóo
incidiu en avanzar no traballo conxunto entre Galicia e o Norte de Portugal
para crecer “e converternos nun dos centros de gravidade da Unión Europea”.
“Galicia e o Norte de Portugal teñen potencial para ser un destes eixos”,
aseverou.
Ao
respecto lembrou que esta Eurorrexión está a ser a gran protagonista do
Programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal. Non en van,
os fondos europeos farán posible realizar 45 proxectos que, ao longo dos dous
vindeiros anos, lle darán forma á Eurorrexión da próxima década; e, grazas ao
traballo compartido, Galicia e o Norte de Portugal son as zonas máis
beneficiadas polo Poctep, concentrando a terceira parte do seu investimento
total.
O titular
da Xunta concluíu agradecendo á Rexión Norte de Portugal o seu gran labor
durante estes tres anos de presidencia da Eurorrexión, cuxo traballo permitiu
seguir estreitando os vínculos culturais, económicos, educativos e científicos.