miércoles, 21 de junio de 2017

De xaneiro a abril, as exportacións españolas creceron un 9,8% e as de Galicia un 10,8 % acadando un máximo histórico


Coñeciamos onte o informe da Secretaria de Estado de Comercio do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, que acredita que as exportacións españolas de mercadorías no período xaneiro-abril creceron un 9,8% respecto ao mesmo período do ano anterior e alcanzaron os 91.537,7 millóns de euros, máximo histórico da serie para o acumulado neste período.

As importacións creceron un 12,4% ata os 99.935,9 millóns de euros. Como resultado, o déficit comercial dos catro primeiros meses do ano alcanzou os 8.398,1 millóns de euros, un 50,5% máis que o rexistrado no mesmo período de 2016. As exportacións españolas rexistraron mellor evolución que as do conxunto da zona euro e a Unión Europea.

A taxa de cobertura -exportacións sobre importacións- situouse no 91,6% (93,7% en xaneiro-abril de 2016).

En termos de volume, as exportacións incrementáronse un 9%, xa que os prezos, aproximados polos Índices de Valor Unitario (IVUs), creceron un 0,8%; e as importacións aumentaron un 4,8%, pola subida dos prezos nun 7,2%.

O saldo non enerxético arroxou un déficit de 20 millóns de euros (189,8 millóns de euros de déficit no acumulado ata abril de 2016) e o déficit enerxético incrementouse un 55,4%, ata os 8.378,1 millóns de euros (5.391 millóns en 2016).

O crecemento das exportacións españolas entre xaneiro e abril é superior ao rexistrado nos países da contorna, salvo no caso do Reino Unido, onde subiron un 17,4% polo efecto da depreciación da libra. No conxunto da zona euro e na Unión Europea as exportacións aumentaron un 7,2%. Tamén foron máis discretos os crecementos rexistrados en Italia (6,6%), Alemaña (5,5%) e Francia (2,3%), así como en EEUU (6,7%), China (4,2%) e Xapón (8,2%).

Os principais sectores observaron crecementos nas súas exportacións. Así, bens de equipo (representan un 19,4% do total) subiu un un 7,2% e alimentación, bebidas e tabaco (17,2% do total) creceu un 10,8%. O sector do automóbil (17,1% do total) decreceu un 0,7% pola caída en abril das matriculacións nos principais mercados da UE, atribuíble en gran medida para o efecto calendario pola celebración da Semana Santa.

En importacións, a consolidación da recuperación económica explica o crecemento da maioría dos sectores. Así, as de bens de equipo (20,9% do total) incrementáronse un 10,7% interanual; as de produtos químicos (15% do total) aumentaron un 2,7%; e as de produtos enerxéticos (14,5% do total) ascenderon un 64,2%. Pola contra, as importacións do sector automóbil (13,2% do total) diminuíron un 0,4%, en liña co leve descenso das exportacións do sector.

As exportacións dirixidas á Unión Europea (66,6% do total) creceron un 8,8% nos catro primeiros meses do ano. As vendas á zona euro (52,2% do total) incrementáronse un 9,5% e as destinadas ao resto da Unión Europea (14,4% do total) subiron un 6,2%.

A recuperación nos países emerxentes explica que as vendas a terceiros destinos (33,4% do total) subisen un 12% interanual, con aumentos xeneralizados das exportacións a todas as zonas: Asia excluído Oriente Medio (16,8%), América do Norte (13,5%), América Latina (12%), Oceanía (10,4%), África (7,7%) e Oriente Medio (1,4%).

Por países, destacan os aumentos de vendas a mercados con gran potencial como China (25,4%), Canadá (21,1%), México (20,8%), Marrocos (17,7%) e Estados Unidos (12,5%). Mentres, caeron as vendas a Alxeria (-11,1%), Chile (-6,4%) e Arabia Saudita (-5,5%).

As comunidades autónomas con maiores crecementos nas súas exportacións foron Baleares (134,6%), Canarias (51,4%) e Murcia. Os únicos descensos déronse en Castela e León (-3,9%) e a Comunidade Valenciana (-0,8%).

Galicia.

Esta Comunidade rexistra unha nova marca histórica de exportacións, e así, segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, as vendas ao exterior da comunidade medraron un 10,8% de xaneiro a abril con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Galicia exportou 7.052,7 millóns de euros no que vai de ano, o que supón a cifra máis alta rexistrada nun primeiro cuadrimestre.

Tal e como sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, estes datos seguen consolidando a tendencia na cal Galicia “está demostrando que grazas ás políticas de innovación e ás políticas industriais cada vez somos máis competitivos”.

Neste sentido, Conde apuntou que desde a Administración galega se seguirán apoiando o esforzo e os resultados positivos que está a ter o tecido empresarial. Así, subliñou que se seguirá traballando apostando pola internacionalización e por abrir novas oportunidades de negocio, lembrando a recente viaxe a China encabezada polo presidente da Xunta.

Segundo os últimos datos, Galicia logrou no que vai de ano a segunda mellor balanza comercial de España, sumando 1.394,4 millóns de euros no que vai de ano. Neste primeiro cuadrimestre, destacan os incrementos de sectores clave como o metalúrxico, cun 22,8%; o do moble, cun 20,1%; a industria agroalimentaria, que sobe un 13,1%, ou o téxtil, cun 10,6%. Ademais, o sector naval logrou exportar 267,8 millóns de euros. 

Por áreas xeográficas, aumentan as exportacións a América Latina nun 87,2%; a Bélxica, cunha suba do 29,7%; a Marrocos, cun 24,5%; a Italia, cun 12,4%; ou a Xapón, cun 10,9%.

No tocante ao mes de abril, as exportacións galegas soben un 4,3% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, mentres que no conxunto de España baixan un -2%.

Galicia está a vivir o seu mellor ciclo exportador, logrando que os últimos catro anos sexan os de maiores vendas ao exterior da historia da Comunidade grazas ao esforzo das empresas galegas, que contan co respaldo da Xunta a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.

Ourense.

As vendas ao exterior da provincia medraron un 7,5 % de xaneiro a abril con respecto ao mesmo período do ano anterior. A balanza comercial de Ourense sumóu 108,6 millóns de euros no que vai de ano.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta