martes, 13 de junio de 2017

Fomento avanza un reforzo de medidas destinadas a evitar atascos motivados polas obras de ampliación da autoestrada AP-9 durante o vindeiro verán

Coñecemos que o Ministerio de Fomento avanzou o reforzo das medidas destinadas a evitar atascos motivados polas obras de ampliación da autoestrada AP-9 durante o vindeiro verán, tal e como solicitou o Goberno galego. Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na nova xuntanza da comisión conxunta sobre a Autoestrada do Atlántico que tivo lugar esta mañá en Madrid e na que particopou tamén o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar.

Os responsables ministeriais confirmaron que está previsto eliminar, antes do período de maior intensidade de tránsito de vehículos dos meses de verán, restriccións de tráfico impostas polo avance das obras de ampliación da autoestrada á altura de Rande.

Concretamente, avanzaron que o 1 de xullo se reabrirán ao tráfico os carriles pechados do acceso á AP-9 desde o Corredor do Morrazo, que se manterá plenamente operativo ata a fin de agosto.

Na mesma lliña, na xuntanza constatouse o impacto postivo das medidas adoptadas nos exercicios anteriores para evitar os colapsos de tráfico nas áreas de peaxe, que consistiron tanto no reforzo do persoal como na remodelación das praias de cobro de Cecebre, Teo e Pontevedra, e na mellora da seguridade da saída cara ao nó de Curro, de enlace coa Autovía do Salnés.

Por ese motivo, o Ministerio de Fomento garantiu que manterá a atención para garantir que nos momentos de maior tráfico as áreas de peaxe dispoñan de todos os medios humanos necesarios para evitar retencións.

A xuntanza de hoxe serviu tamén para facer un repaso do avance das obras de ampliación da capacidade e de rerforzo de firme da autoestrada que se están a executar na actualidade.

Por outra banda, o secretario de Estado de Infraestruturas confirmou que proximamente se elevará ao Consello de Ministros o Real decreto que eximirá á Xunta de Galicia de seguir financiando con 6 millóns de euros ao ano a subvención das peaxes da AP-9 en Rande e A Barcala.

En virtude dun acordo asinado polo Goberno bipartito da Xunta, a Administración autonómica financia ao 50% co Ministerio de Fomento o custo desa subvención da peaxe aos usuarios. A Xunta de Galicia e o Goberno central acordaron recentemente poñer fin á participación da Administración autonómica nese gasto, xa que afecta á peaxe dunha infraestrutura de titularidade estatal.

O Consello de Estado emitiu xa o ditamte favorable sobre o Real Decreto que o fará posible, e que, ademais, reducirá sensiblemente o diñeiro público que ingresa a concesionaria por esa subvención, manténdoa intacta para os usuarios.




Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 


Recibirá resposta