Hoxe, tras o Consello da Xunta, o
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou unha achega de 70
millóns de euros ata 2020 para estender o plurilingüismo e promover o seu
ensino integral desde infantil ata a universidade.
Feijóo destacou que esta iniciativa é o obxectivo central da
nova Estratexia galega de linguas estranxeiras que estenderá os beneficios do
plurilingüismo ao 100% dos alumnos do ensino obrigatorio galego.
Entre os obxectivos a nivel cuantitativo, o titular da Xunta
destacou: conseguir que o 50% dos centros galegos de ensino sexan plurilingües;
crear 600 novas seccións bilingües para que todos os centros de Galicia teñan
unha; e duplicar o número de auxiliares de conversa –de 500 a 1000-.
Así mesmo, afirmou que o plan promove a extensión do
plurilingüismo á educación infantil, que permitirá que os alumnos de entre 3 e
6 anos comecen a incorporar a lingua estranxeira ata nunha terceira parte das
áreas curriculares; e a extensión do plurilingüísmo tamén á FP, de xeito que o
alumnado curse ata unha terceira parte do ciclo formativo no idioma
estranxeiro, “e así dispoñan de formación e facilidades para certificar o nivel
B1 ou B2”.
No tocante á posta en marcha dos centros con Bacharelato de
Excelencia en Idiomas, Feijóo precisou que os alumnos desta modalidade, ademais
de recibir en inglés unha terceira parte das materias, terán formación
extracurricular para mellorar as súas habilidades idiomáticas. “Así, os
graduados en Bacharelato de Excelencia en Idiomas poderán certificar un nivel
B2 ao rematar a etapa”, abundou.
Nesta mesma liña, avanzou que tamén se ofrecerá un plan de
formación específico para que ata o 30% dos docentes poidan lograr unha
certificación C1 nunha lingua estranxeira.
“En definitiva, estamos a falar dunha estratexia que consolidará
unha Galicia plurilingüe: unha Galicia con mellores destrezas en idiomas; unha
Galicia cuns equipos docentes con competencias lingüísticas avanzadas; unha
Galicia que aposta polo plurilingüismo en todas as etapas educativas; e unha
Galicia cunha Educación máis próxima á excelencia”, dixo.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria, Román Rodríguez, destacou que con esta estratexia se
beneficiarán 200.000 alumnos, o dobre que na actualidade. Así mesmo, insistiu
en que se poñerán en marcha procedementos para certificar o nivel do alumnado
dos centros plurilingües ao final de cada etapa, mediante EOI ou entidades
estranxeiras.
O obxectivo, segundo explicou, é que o 30% dos estudantes de ESO
certifiquen un nivel B1; e que o 30% dos que rematen o bacharelato de
excelencia certifiquen un B2. “Isto é moi importante, porque supón superar
incluso os requirimentos de idiomas que esixen certas universidades para titularse
nun grao ou para acceder a másters”. Neste contexto, tamén fixo fincapé na
extensión do plurilingüismo á universidade, coa posta en marcha de graos e
másters en inglés.
Ademais, remarcou que para chegar a estes obxectivos o alumnado disporá de
18.000 prazas de formación en programas de inmersión lingüística; e o
profesorado poderá ampliar os seus coñecementos en linguas estranxeiras a
través dun plan de formación específico dotado con 18.000 prazas. Pola súa
banda, salientou que as familia contarán cunha plataforma dixital de recursos
coa que se busca a súa integración na iniciativa.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta