Do Consello da Xunta, celebrado onte
destaco a aprobación do teito de gasto non financeiro para o 2018, que será de
9.487 millóns de euros. Esta cifra é un 5,4% superior á de 2017, de tal xeito
que a Administración autonómica disporá de 490 millóns de euros máis para levar
o crecemento económico a todos os galegos ou, o que é o mesmo, de 261 millóns
(2,9%) máis en comparación co orzamento consolidado deste ano, tras a
actualización aprobada polo Parlamento autonómico hai unhas semanas.
En rolda de prensa Alberto Núñez Feijóo explicou que
Galicia é a primeira comunidade que aproba o seu teito de gasto para o ano que
vén, tras a xuntanza de onte do Consello de Política Fiscal e Financeira, o que
constitúe un paso imprescindible de cara á aprobación dos Orzamentos. Nese
senso, o titular autonómico lembrou que o noso é o único territorio que ten
aseguradas as súas contas para 2018. “O Goberno galego non será unha fonte de
incerteza”, destacou Feijóo, grazas á estabilidade política da que goza a
Comunidade.
O presidente da Xunta quixo poñer en
valor a importancia dunha xestión responsable para poder sacar adiante este
teito de gasto e, en consecuencia, aumentar os investimentos e “manter os
servizos públicos con máis ambición” de cara ao ano que vén. Non en van,
Galicia é a autonomía que menos aumentou a débeda pública desde 2009, o que
permitirá que o incremento real da capacidade de gasto sexa aínda maior que o
previsto, debido á redución dos gastos financeiros. Grazas a isto, a Comunidade
xa recuperou a metade da capacidade de investimento que perdera durante a crise
e dispón de 1000 millóns de euros máis que hai catro anos.
Novas previsións de crecemento:
O titular do Goberno galego tamén anunciou unha nova revisión á alza das previsións de crecemento para este ano e o que vén, que se sitúan no 3,1% e no 2,7%, respectivamente, en ambos os casos por riba da media española. Este aumento do PIB vén acompañado dunha intensa recuperación do emprego, tal e como reflicte a última Enquisa de Poboación Activa, segundo a que Galicia leva 13 trimestres consecutivos reducindo o paro e conta xa con 21.400 desempregados menos que hai un ano.
Para o presidente da Xunta, estas
cifras, unidas ao aumento da actividade industrial ou aos récords de
exportacións, constatan o “crecemento equilibrado” da economía galega, no que
participan todos os sectores co impulso da Administración. Pero isto non sería
posible se Galicia non tivese un Goberno “previsible e previsor”, que responde
á “responsabilidade” e á “estabilidade” que demandan os galegos, concluíu.
Pola súa parte, o conselleiro de
Facenda, Valeriano Martínez, destacou que o teito de gasto para 2018 aprobado
hoxe é rigoroso, ao tempo que vai na liña da folla de ruta marcada no Plan
estratéxico de Galicia 2015-2020.
Este límite de gasto “reforza a creación de
emprego e o investimento, e consolida un modelo de crecemento san que permite a
Galicia crecer mellor”, sinalou.