sábado, 22 de julio de 2017

Un galeguismo racional e integrador






Con Xesús Palmou
Asisto onte na Casa da Cultura de O Carballiño, a primeira xornada da Escola de Verán Miguel Ángel Blanco que dende hai sete anos organiza o PP de Ourense e que na presente edición está dedicada ao galeguismo como unha aposta de futuro.

Inagurou o presidente provincial, Manuel Baltar, afirmando que a raíz galeguista “é a que marca a diferenza do PP con respecto a outros partidos, formando gobernos sólidos contra ventos e mareas, cun galego á fronte do goberno de España e cunha institución como a Deputación desde a que se traballa cunha visión integral da provincia”. 

Tamén falou César Fernández Gil, secretario de estudos e pensamento galeguista  que se referiu ao contexto político actual “no que moitas forzas quixeron apropiarse do feito diferencial de ser galegos para empregalo coma argumento de fractura social”. Nesta liña, advertiu César Fernández, “o PP debe apostar polo galeguismo como fórmula de unidade e facer bandeira desta singularidade para gañar cada vez maior apoio social”.

Tralo acto de apertura, o programa incluíu dous relatorios, o primeiro dos cales correspondeu a Xosé Manuel Barreiro Fernández, portavoz do grupo popular no Senado, quen falou do espazo político do galeguismo nas Cortes Xerais. 

Para Barreiro, o PP representa o galeguismo integrador, moderado e moderno que se basea na defensa das raíces culturais e dos intereses do territorio en dúas dirección, desde Galicia para o conxunto do estado e viceversa.

Como portavoz no Senado, o relator fixo balance das iniciativas presentadas a prol da reactivación económica da comunidade, de Galicia, para concluír subliñando que “Galicia sempre está presente no labor lexislativo das Cortes”.

O segundo relatorio da tarde correu a cargo de Xesús Palmou Lorenzo, ex secretario xeral do PPdeG, que centrou a súa intervención no galeguismo como fundamento dun discurso político maioritario que impregna a maioría dos partidos galegos.

Fixo un completo repaso histórico citando a Brañas, Castelao, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e outros ilustres galeguistas.

Palmou, que iniciou a súa intervención cun recordo a Miguel Ángel Blanco, definiu o galeguismo como “un sentimento, unha actitude e como autoidentificación que nos define en España e Europa, contrapunto da autodeterminación e do independentismo”.

Para o relator, Galicia “é hoxe semellante aos postulados que reclamaban os galeguistas históricos no século pasado, cunha ampla autonomía e políticas propias”, facendo ademais reiteradas referencias a un patrimonio de tanta importancia como é o noso idioma. 

Xesús Palmou sinalou tamén que o Partido Popular de Galicia “debe converterse no centro da acción política para conseguir unha sociedade máis xusta, igualitaria, solidaria e de vangarda”.

En definitiva Palmou aposta por un galeguismo racional e integrador.