lunes, 17 de julio de 2017

Máis de 6.300 familias galegas poderán beneficiarse este ano dos diferentes programas de axuda e fomento da rehabilitación da Consellería de Infraestruturas e Vivenda

Esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, explicou en rolda de prensa a estratexia de rehabilitación do Goberno galego, que se completa hoxe coa convocatoria no Diario Oficial de Galicia das primeiras axudas para a recuperación das antigas casas de mestres.

Vázquez Mourelle, que estivo acompañada do director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, detallou o contido  e orzamento dos diferentes programas cos que o seu departamento busca fomentar a rehabilitación en Galicia.

Máis de 6.300 familias galegas poderán beneficiarse este ano dos diferentes programas de axuda e fomento da rehabilitación da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que suman un investimento de 40 millóns de euros nos Orzamentos de 2017, máis que duplicando o consignado o exercicio anterior.

A estratexia de rehabilitación refórzase coas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas á eficiencia enerxética e que subvencionan a renovación de fiestras, ascensores ou cubertas, entre outras.

A conselleira afirmou que a  Xunta aposta pola rehabilitación porque entende que esta é unha “solución eficiente, sustentable e de futuro á hora de dar resposta ás necesidades de vivenda da poboación”, que, ao mesmo tempo ten “unha repercusión directa nas condicións de vida” dos cidadáns, outorgando “valor engadido ás nosas vilas e cidades” e, funcionando, ademais, como un “importante factor dinamizador da actividade económica e do emprego”·.

A este respecto, a conselleira sinalou que cada millón de euros de axudas públicas en materia de rehabilitación pode xerar un investimento inducido de 3 millóns de euros e a creación de 200 postos de traballo, cun retorno en tributos e impostos de 1,6 millóns.

Todos os destinatarios  e todos os tipos de intervención

Ethel Vázquez explicou que os 16 programas de fomento da rehabilitación creados pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda e reforzados coas axudas da Consellería de Economía, supoñen un paquete cuantioso en canto a liñas de actuación e recursos que fai posible chegar a todos os destinatarios, xa sexan particulares, administracións públicas ou actuacións executadas directamente polo Insituttuo Galego da Vivenda e Solo.

Esa diversidade de programas permite, ademais, subvencionar todo tipo de intervencións en materia de rehabilitación, xa sexa: unha reforma exterior (mellora de cubertas, fachadas, fiestras), unha reforma interior (baños, cociñas, mellora das instalacións eléctricas...), unha obra para mellorar a accesibilidade (instalación de ascensores...), recuperación de contornos urbanos e espazos públicos e restauración ou a restauración de edificios degradados ou en ruínas.

A conselleira de Vivenda concretou os distintos programas, que aglutinan axudas que veñen de atrás, como as axudas á rehabilitación nas Áreas de Rehabilitación Integral, que contan con 8 millóns de euros, ou as axudas ás Vivenda do Camiño, con 2,9 millóns de euros, con outras axudas novidosas.

Entre esas medidas pioneiras están a subvención de ata o 100% dos xuros dos préstamos que soliciten os particulares para a reforma de vivendas, ou o fondo de cooperación cos concellos, dotado con 10 millóns de euros, que permite que os municipios de menos de 50.000 habitantes accedan a préstamos sen xuros para recuperar edificacións dos seus núcleos históricos ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación.

Recuperación de antigas vivendas de mestres

Ethel Vázquez explicou que practicamente todos os programas de fomento da rehabilitación están en marcha e hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de axudas para a recuperación das antigas vivendas de mestres e outros oficios.

Estas subvencións prevén que a Xunta financie ata nun 90% do custo de rehabilitación de antigas vivendas de mestres, así como outras vivendas de titularidade municipal co obxectivo de que se destinen a alugueiro social para a axudar a familias con poucos recursos.

As axudas están destinadas especificamente aos concellos de menos de 20.000 habitantes nos que exista demanda acreditada de vivenda e os municipios poderán recibir ata 40.000 euros por vivenda, elevándose esa contía ata os 48.000 se o inmoble se atopa en ámbitos históricos ou nos Camiños de Santiago.

Instalación de ascensores

Finalmente, a conselleira avanzou que nas próximas semanas se convocará a orde de axudas que queda pendente, destinada a subvencionar a nova instalación de ascensores. Trátase de axudas autonómicas específicas para a mellora da accesibilidade dos edificios residenciais colectivos ou vivendas unifamiliares para a instalación de ascensores ou dispositivos para salvar escaleiras. que poderán cubrir o 60% da actuación.

O importe máximo das axudas será de 40.000 euros nos caso de vivendas unifamiliares ou edificios de ata 4 vivendas, e de 30.000 no caso de edificios con máis vivendas.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 


Recibirá resposta